O BNG ERIXE O NACIONALISMO COMO "ALTERNATIVA PARA GALIZA"

Allariz, un exemplo do país que quere o BNG

Allariz, un exemplo do país que quere o BNG
Noa Presas, Ana Pontón e Francisco García
Noa Presas, Ana Pontón e Francisco García  

O BNG-Nós Candidatura Galega elixiu Allariz como lugar de acollida do acto público principal de campaña que tivo lugar na noite do sábado. A candidatura nacionalista puxo como exemplo “do país que queremos” a vila gobernada polo Bloque.


“Allariz é un exemplo do país que eu quero”. Así, con constantes alusións a un dos buques insignia do Bloque, encetaba Noa Presas, cabeza de lista do BNG-Nós Candidatura Galega por Ourense, a súa intervención no acto público principal que organizou a formación nacionalista na noite do sábado. “Sodes un exemplo para toda a xente de que é posíbel cambiar o mundo, de que hai alternativa neste país”, continuaba a número 1.

Noa Presas erixiu a do BNG-Nós como a candidatura que fará posíbel que “Galiza conte no Congreso”, máxime “nun contexto no que non vai a haber maiorías absolutas”. “O voto dunha nacionalista pode ser decisivo para inclinar o Goberno cara a políticas de esquerdas”, advertía.

A cabeza de lista por Ourense puxo de manifesto que “Galiza só lle importa aos galegos” e advertiu de que “para cambiar o noso destino é preciso ter unha voz propia en Madrid”. Desbotou ofrecer dados arredor da economía e da exclusión social porque “nós temos os pés nos chan, non nos platós de televisión” e porque “vós sabedes o que pasa”. “A situación é case de vida ou morte, unha emerxencia vital”.

Pontón insta a "coller da man" todas as persoas "decepcionadas que viron como se xogou coas súas esperanzas"

Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque e candidata da formación nacionalista á Presidencia da Xunta, apelou no acto público da Praza dos Brancos a “coller da man” todas “as persoas decepcionadas que viron como se xogou coas súas esperanzas”. “Temos que coller a esa xente da man, esa xente que cree que Galiza pode, e desde o BNG temos que devolverlle a esperanza. Temos que dicirlles que Galiza pode, que é un país rico e que as mozas e os mozos non terían por que emigrar”, salientou. Desta maneira, Pontón erixía o nacionalista “como alternativa para Galiza”.

A portavoz nacional do BNG expresou en Allariz que “queremos que o noso país rompa con ese destino que nos impide avanzar” e puxo como exemplo dos atrancos, entre outras, a xestión privada dos montes ao servizo de empresas como Ence.

Francisco García reivindicou un modelo de financiamento xusto para Galiza

O alcalde de Allariz e número catro da candidatura ao Congreso por Ourense, Francisco García, denunciou na súa intervención a “mentira asombrosa que se nos está a repetir constantemente: iso de que nos vivimos da solidariedade do Estado”. Explicou que a realidade “é a inversa, Galiza achega materias primas, enerxía, aforro...”. Así, o rexedor da vila centraba a súa intervención nun modelo de financiamento para Galiza e para os concellos galegos, “que están discriminados”.

A axenda deste domingo leva o BNG-Nós Candidatura Galega, entre moitos outros lugares do país, a Fene, onde nestes momentos ten lugar un acto público no que participa Ana Pontón; á Pobra do Brollón, onde intervén Olalla Rodil (nº1 por Lugo) e a Cambados, onde terá lugar o acto público central da xornada, a partir das 20.30h, coa presenza, entre outras persoas, de Luís Bará (nº1 por Pontevedra), Ana Pontón ou Montse Prado, deputada no Parlamento galego.



x