O BNG AMPLÍA O SEU ESCANO

Os escanos galegos na eurocámara

Os escanos galegos na eurocámara
Parlamento Europeo
Parlamento Europeo  

As eleccións europeas do 26M deron escano a dous galegos e unha galega que terán o deber de representar os intereses do noso país na eurocámara. Continúan Ana Miranda polo BNG e Francisco Millán do PP, e estréase Nicolás González polo PSdeG. Nin Lídia Senra de En Marea nin as galegas Vanessa Angustia e Carmen Rei de Unidas Podemos conseguiron escano.


Nas eleccións europeas do 26 de maio o PSOE foi o partido máis votado no Estado con 7.359.617 votos e tamén primeiro na Galiza con 507.690. Dos 20 escanos logrados polo PSOE no Estado, no número nove atópase o lalilense Nicolás González Casares que se estreará na eurocámara na nova lexislatura.

O PP quedou no segundo posto tanto no Estado (4.510.193 votos) como na Galiza (431.782) o que lle deu 12 escanos. Esta cifra supón a continuidade do seu número 8, Francisco Millán Mon.

O PP quedou no segundo posto tanto no Estado como na Galiza

O BNG duplicou na Galiza os seus resultados respecto á anterior convocatoria das eleccións europeas, ficando como terceira forza na Galiza (171.500 votos) e a coalición Agora Repúblicas na que se integra con Esquerra e EH Bildu logrou 1.257.484 sufraxios e 3 escanos. Por tanto, a nacionalista Ana Miranda Paz continuará como eurodeputada e farao durante máis tempo, pois ao aumentar o BNG en votos tamén medra o tempo de escano que rota coas forzas soberanistas de Euskadi e Catalunya.

Ana Miranda Paz continuará como eurodeputada e farao durante máis tempo

Ningunha outra galega nin galego ocupará escano, a menos que se corra lista en Unidas Podemos, xa que lograron 6 representantes e as galegas Vanessa Angustia e Carmen Rei ocupaban os postos 10 e 11 respectivamente na candidatura.

En Marea – Compromiso por Europa non sacou escano ao obter en Galiza 15.288 votos e no Estado un total de 296.000. Lídia Senra perde por tanto o escano de eurodeputada que lograra en 2014 con AGE (a coalición de Anova con Esquerda Unida).

gonzalezNicolás González estréase na eurocámara

O novo eurodeputado do PSOE, Nicolás González Casares, naceu en Lalín no ano 1972. Estudou enfermaría na USC e foi candidato á alcaldía de Lalín hai catro anos e exerceu como tenente de alcalde. Dá o salto agora ao Parlamento Europeo, e durante a campaña salientou en Sermos Galiza as súas prioridades políticas desde o escano. Estas pasan polo “combate prioritario contra o paro e a precariedade, especialmente dos mozos, e problemas específicos, como o desafío demográfico e a necesidade de atender os seus sectores estratéxicos”.

Ademais, González asegurou que se implicará na loita contra a desigualdade, “no desenvolvemento dun piar social vinculante que reforce os sistemas de protección e benestar social, mellore os niveis de vida da cidadanía e loite contra a pobreza infantil”. Nese sentido avogou por pular por “mercados laborais xustos”. O novo eurodeputado considera tamén que a UE debe avanzar no marco europeo de salarios mínimos, o réxime europeo de seguro de desemprego, unha porcentaxe de gasto social mínimo en toda a unión e os plans para impulsar a igualdade salarial entre mulleres e homes, para combater o desemprego xuvenil e para atallar a pobreza infantil.

En canto a Galiza, salientou tres prioridades que pasarían por garantir que as políticas comúns agraria e pesqueira non vexan recortados os seus fondos, o desenvolvemento dunha axenda industrial integral e o aproveitamento das oportunidades ligadas á transición enerxética.

González substitúe a outro galego, José Blanco. O exministro de Zapatero non foi situado nas listas ao Parlamento Europeo

González substitúe a outro galego, José Blanco. O exministro de Zapatero non foi situado nas listas ao Parlamento Europeo e deixa a cámara após realizar nesta lexislatura un cento de intervencións no pleno sobre temas maiormente relacionados con enerxías, 2 informes coma relator tamén sobre enerxía, 7 informes como relator alternativo, 2 opinións como relator sobre pesca e 1 sobre dereitos de autoría, un cento de propostas de resolución sobre política exterior e relacións internacionais e tan só 4 preguntas orais, a última rexistrada sobre telecomunicacións.

anaAna Miranda, a eurodeputada do BNG

Ana Miranda Paz naceu en Cuntis e é especialista en Dereito Comunitario pola Universidade de Lovaina, após formarse como xurista en Santiago e A Coruña. Conta con ampla experiencia en Bruxelas desde que o BNG obtivo por primeira vez escano na eurocámara con Camilo Nogueira. Miranda foi naquel período de 1999 a 2004 asistente parlamentaria do histórico nacionalista. Nas eleccións de 2009 encabezou a lista polo BNG na coalición Europa dos Pobos – Verdes exercendo escano de eurodeputada, que tamén repetiría liderando a candidatura do Bloque en 2014 e 2019.

Na lexislatura que vén de rematar Miranda exerceu o escano durante 16 meses, xa que o partillou co representante de EH Bildu. Aínda así, destaca como activa eurodeputada contando con intensa actividade entre a que salientan as súas 18 propostas de resolución sobre asuntos de actualidade, 95 intervencións nos debates no pleno do Parlamento Europeo, 6 opinións expresadas como relatora alternativa e 5 preguntas orais. Así mesmo presentou máis de 100 preguntas con solicitude de resposta escrita.

Os temas sobre todas as iniciativas foron desde a defensa dos sectores produtivos galegos, a inclusión de Galiza no corredor Atlántico de Mercadorías, a rexeneración das rías...

Os temas sobre todas estas iniciativas foron desde a defensa dos sectores produtivos galegos, a inclusión de Galiza no corredor Atlántico de Mercadorías, a rexeneración das rías, a defensa do sector marítimo pesqueiro galego, a igualdade e loita contra a violencia de xénero, o cambio climático, Palestina e as loitas dos pobos, así como a resolución aprobada sobre o auxe do neofascismo en Europa e que pula pola ilegalización da Fundación Francisco Franco.

O BNG amplía o seu escano no Parlamento Europeo

Como BNG duplicou os seus votos na Galiza respecto das eleccións europeas de 2014, a eurodeputada nacionalista Ana Miranda ocupará o seu escano durante maior tempo que na anterior lexislatura, chegando aos dous anos.

En función dos sufraxios recibidos en cada nación repartiranse os tempos de escano entre Esquerra e Bildu. Así, e a esperas de que se celebre unha xuntanza da coalición nos vindeiros días, desde o Bloque avanzan que ERC contará con 2 escanos e que o terceiro rotará entre a forza vasca e a galega. Desta maneira, Ana Miranda ocupará o escano de eurodeputada durante practicamente dous anos, mentres que na pasada lexislatura foron 16 meses dado que o número de votos fora inferior daquelas.

Mentres o eurodepudato abertzale ocupe o escano, tanto as forzas vascas como as catalás están comprometidas a tramitar e pular polas iniciativas que o BNG decida apresentar e Miranda será portavoz do BNG en Europa e asistente da coalición no Parlamento Europeo, unha figura que segundo indican desde o BNG está contemplada no regulamento parlamentario como como un cadro técnico-político con capacidade de participación decisiva en distintos órganos parlamentarios.

A coalición soberanista reunirase nos vindeiros días, segundo adiantan desde o BNG, polo que fica aínda por saber durante que período de tempo ocupará o nacionalismo galego o seu escano.

De efectuarse o Brexit pode gañar un escano máis Agora Repúblicas

A saída do Reino Unido da Unión Europea implicaría a reformulación do reparto de número de escanos por estados membros, co que a coalición Agora Repúblicas podería alcanzar o seu cuarto representante, o que implicará a ampliación do tempo de permanencia de Ana Miranda no escano.  

monFrancisco Millán Mon, experto en política exterior e no Camiño de Santiago

O pontevedrés Francisco José Millán Mon é licenciado en Dereito pola USC e diplomado en Estudos Internacionais. Estivo destinado nas embaixadas españolas de Alemaña e Marrocos.

É eurodeputado desde 2004 polo Partido Popular e na última lexislatura proseguiu como membro titular da comisión de Asuntos Exteriores e na Delegación para as Relacións cos Estados Unidos. Vén de ser membro suplente da Comisión de Pesca e na Delegación para as Relacións ca República Popular China.

De 2010 a 2014 foi o presidente do Intergrupo Camiños de Santiago do Parlamento Europeo para a divulgación do papel do Camiño “nunha identidade europea común” e relanzar este valor na UE.

Nesta última lexislatura copresidiu o novo Intergrupo Desenvolvemento do Turismo Europeo, Patrimonio Cultural, Camiños de Santiago e outros Roteiros Culturais Europeos.

Nesta última lexislatura copresidiu o novo Intergrupo Desenvolvemento do Turismo Europeo, Patrimonio Cultural, Camiños de Santiago e outros Roteiros Culturais Europeos.

Realizou máis de 100 intervencións no pleno do parlamento e outro cento de propostas de resolución, mais a práctica totalidade delas versaron sobre política exterior relacionada con Venezuela, Irak, Libia, Nicaragua, EEUU ou China… e tan só algunha foi sobre pesca.

Conta con 2 informes presentados como relator, 6 como relator alternativo e unha opinión como relator sobre as recomendacións da UE a redor as negociacións da Comisión Trasatlántica de Comercio.