ELECCIÓNS EUROPEAS

Ana Miranda comprométese a seguir sendo "a voz de todo o pobo galego" no Parlamento Europeo

Ana Miranda comprométese a seguir sendo "a voz de todo o pobo galego" no Parlamento Europeo
Ana Miranda e Ana Pontón coa candidatura do BNG
Ana Miranda e Ana Pontón coa candidatura do BNG  

O BNG presentou a súa candidatura ás eleccións europeas do 26 de maio. A lista  encabezada pola eurodeputada Ana Miranda ten o obxectivo de continuar a defender os intereses das galegas e galegos e apela “as persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón”.


Erguendo unha camisola co nome do país, Ana Miranda comprometeuse a continuar defendendo os intereses das galegas e galegos desde o seu escano no Parlamento Europeo. “Imos suar a camisola”, afirmou para resaltar o seu compromiso en “seguir poñendo a Galiza por diante como prioridade, con transparencia, eficacia, experiencia e dando voz ao país sen ataduras”.

Compostela acolleu a presentación pública da candidatura do Bloque Nacionalista Galego ás eleccións europeas do 26 de maio. Unha lista que, encabezada pola actual eurodeputada nacionalista Ana Mirada, foi presentada como “unha candidatura de país para todas as persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón e que queren contar cunha voz propia en Europa que defenda os intereses das galegas e galegos”.

“É unha candidatura de país para todas as persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón", afirmou Pontón

Nese sentido, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que o Bloque pon por diante a defensa de Galiza e dos intereses das maiorías sociais do país porque “non ten subordinacións nin supeditacións a ninguén”. Afirmou desta maneira que o vindeiro 26 de maio as galegas e galegos poderán coller unha papeleta do BNG encabezada por Ana Miranda. Unha lista da que resaltou “o seu valor duplo porque serve para defender Galiza e construír un proxecto de país e tamén serve para facer fronte a involución democrática”, afirmou en referencia á ameaza do ascenso da ultradereita.

Ana Pontón, puxo en valor o traballo realizado pola eurodeputada Ana Miranda

Ana Pontón, puxo en valor o traballo realizado pola eurodeputada Ana Miranda, a quen definiu como unha loitadora en defensa dos intereses de Galiza e como garantía de que o país continúe a ter voz propia. Pontón afirmou que “o escano de Miranda non foi só do BNG, senón de toda Galiza” e engadiu que fixo máis ela “que todo o resto de eurodeputadas e eurodeputados galegos en Bruxelas”.


Nese sentido, Pontón sinalou o traballo de Miranda na defensa dos intereses dos sectores produtivos como o pesqueiro e o agrogandeiro perante o Parlamento Europeo. Tamén resaltou a loita para que se producira un informe a favor das vítimas do Alvia, “traballando man a man con elas e contra a impunidade e os relatos falsos que se quixeron impoñer sobre as responsabilidades no maior accidente ferroviario en Galiza”, engadiu. Así mesmo, Pontón tamén sinalou o traballo da eurodeputada en relación á rexeneración integral das rías, á oposición exercida perante os proxectos de megamineiría e “para pór fin ao franquismo sen franco” e sinalou o seu papel como clave na resolución que se presentou no parlamento para a ilegalización da Fundación Francisco Franco.

O BNG aposta por unha Europa dos pobos e solidaria fronte o modelo da UE

O modelo da Unión Europea ten sido historicamente denunciado polo Bloque, poñendo de relevo durante anos as políticas económicas regresivas para Galiza emanadas de Bruxelas e máis por supor un afastamento dos centros de decisión política e económica.

Pontón denunciou o papel central da UE nos recortes en dereitos e liberdades

Nesa mesma liña, Ana Pontón afirmou durante o acto de presentación da candidatura que o tecido produtivo galego atópase agraviado “por medidas decididas a centos de quilómetros de aquí e de costas a Galiza”, cunha Unión Europea “ao servizo do grande capital transnacional”. Denunciou desta maneira o papel central da UE nos recortes en dereitos e liberdades, na ampliación da idade de xubilación, na precarización do traballo e na aposta por salvar a banca e non as maiorías sociais.

Agora Repúblicas

A candidatura foi definida no acto de presentación como “unha resposta ás ansias de liberdade, de democracia e de dereitos”. Ademais, Pontón puxo en valor a coalición Agora Repúblicas coa que o BNG concorre ás eleccións europeas xunto a Esquerra Republicana de Catalunya e EH Bildu. Nese sentido, sinalou que a candidatura une a Galiza con outras nacións sen estado na defensa do republicanismo, o feminismo, as liberdades públicas e os avances sociais”.

Pontón puxo en valor a coalición Agora Repúblicas coa que o BNG concorre ás eleccións europeas con ERC e Bildu

No acto de presentación tamén estiveron presentes membros da candidatura, que está formada pola profesora da UVigo e activista feminista Ana Bringas, a sindicalista do sector da telefonía Luísa Baños, o traballador de Ferroatlántica Alfonso Mouzo, o activista en defensa da recuperación da memoria histórica, autor do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, Carlos Babío, a gandeira Ermitas Rodríguez, a ex deputada do BNG no Congreso Olaia Fernández Davila, o ex conselleiro de Medio Rural Alfredo Suárez Canal, e nas suplencias Olga Castro e Robert Neal, ambos expertos en filoloxía e activistas sociais.