FOXA ATLÁNTICA

Ana Miranda e Manuel Rivas reclaman a retirada dos residuos radioactivos das costas galegas

Ana Miranda e Manuel Rivas reclaman a retirada dos residuos radioactivos das costas galegas
Ana Miranda e Manuel Rivas
Ana Miranda e Manuel Rivas  

O escritor Manuel Rivas e a eurodeputada do BNG Ana Miranda desenvolveron unha acción de protesta a bordo do barco Primeiro Vilar para demandar unha solución aos 220.000 bidóns que conteñen residuos radioactivos diante das costas galegas. Denuncian que se atopan descontrolados baixo a inacción do Estado español por considerar este cemiterio nuclear fóra das súas competencias.


A bordo do barco Primeiro Vilar o escritor Manuel Rivas e a eurodeputada do BNG e candidata ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, levaron a cabo unha acción de protesta contra a falta de control dos residuos radioactivos que se atopan na Foxa Atlántica, o cemiterio nuclear situado a tan só 650 quilómetros das barcocostas galegas.

“Galiza non quere cemiterios nucleares” afirmaron Miranda e Rivas, e amosaron a súa preocupación pola inacción do Estado español para controlar as 140.000 toneladas de residuos nucleares depositados entre 1949 e 1982 en 220.000 bidóns na Foxa Atlántica.

Os propios Estados Membros son os responsábeis de controlar a radioactividade das súas augas

Hai dous meses que a Comisión Europea respostou a pregunta presentada pola eurodeputada Ana Miranda recoñecendo que os propios estados membros son os responsábeis de controlar a radioactividade das súas augas, e engadeu que o Estado español non ten abordado especificamente ningún plan de control da radioactividade nesta zona, aducindo que eses depósitos están fóra das súas augas. Ante esta situación, “a conclusión é que Galiza é tratada como un vertedoiro”, denunciou Miranda.

Ante esta situación, “a conclusión é que Galiza é tratada como un vertedoiro”, denunciou Miranda

A Comisión Europea tamén admitiu non dispor de información actualizada do estado dos bidóns e que os últimos informes realizados, referidos ás augas do Atlántico Norte, datan de 1990 e 2003. “É terrible que despois de 38 anos da acción do Xurelo non existan datos actualizados sobre o estado destes restos radioactivos, depositados a 650 quilómetros da costa galega, e o seu impacto sobre o medio ambiente e os ecosistemas mariños”, denunciaron Miranda e Rivas ao remate do acto.

O Xurelo antinuclear

Esta protesta organizada polo Bloque Nacionalista Galego lembrou as mobilizacións celebradas en 1981 a bordo doutra embarcación, o Xurelo. Participantes daquelas contra o cemiterio nuclear nas costas galegas estiveron hoxe tamén presentes como Manuel Méndez, Gonzalo Vázquez Pozo, o candidato do BNG á alcaldía da Coruña Francisco Jorquera, o patrón do barco Xosé Iglesias e a poeta coruñesa Teresa Ramiro.

Ao remate da protesta, Manuel Rivas e Teresa Ramiro leron o manifesto daquela mobilización histórica de 1981 e recitaron diversos textos reivindicativos para esixir o fin dos vertedoiros radioactivos próximos ás costas galegas.

O Xurelo foi un barco galego de Ribeira que enfrontou até en dúas ocasións os cargueiros que depositaban os residuos nucleares fronte as costas galegas. Case corenta anos despois desa protesta, permanece a falta de control sobre os bidóns nucleares por parte do Estado español, feito que Miranda e Rivas consideraron “moi preocupante e unha auténtica irresponsabilidade”.