EUROPEAS 2019

Ana Miranda proporá o salario mínimo europeo

Ana Miranda proporá o salario mínimo europeo
Ana Miranda e Goretti Sanmartín
Ana Miranda e Goretti Sanmartín  

O BNG presentou o programa co que concorre ás eleccións europeas. A primeira iniciativa que defenderá na eurocámara será a posta en marcha do salario mínimo europeo, co obxectivo de rematar coa situación de pobreza en que se atopan milleiros de traballadoras e traballadores na Galiza.


O Bloque deu a coñecer as propostas coas que se presenta ás eleccións europeas do vindeiro 26 de maio. A candidata ao Parlamento Europeo e actual eurodeputada do BNG, Ana Miranda, presentou o programa electoral da fronte para os comicios do 26 de maio xunto a Goretti Sanmartín, quen opta á alcaldía de Compostela.

 “É fundamental instaurar o salario mínimo europeo para combater a situación de pobreza en que se atopan as persoas traballadoras”, afirmou Miranda

Miranda avanzou a primeira proposta que defenderá no Parlamento Europeo na nova lexislatura e que consistirá no estabelecemento dun salario mínimo europeo co obxectivo de impedir que as traballadoras e traballadores fiquen en condicións de pobreza. Nese sentido, a candidata afirmou “que a pesar de existir unha gran oscilación entre os estados membros” a nivel de remuneracións, “é fundamental instaurar o salario mínimo europeo para combater a situación de pobreza en que se atopan as persoas traballadoras froito da forte precariedade laboral”.

Tamén apuntou como outra medida clave de carácter económico derrogar “as condicións abusivas do artigo 135 dos tratados comunitarios, que priman o pago da débeda sobre o gasto público”.

“Se non estiveramos no Parlamento Europeo, o xeito estaría hoxe prohibido”, sinalou a eurodeputada

Miranda comprometeuse a defender “con eficacia e en clave galega” os problemas do país e todas “as causas da humanidade” como son os dereitos das persoas refuxiadas e a apertura do procedemento de infracción contra o estado español polo incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria no caso do accidente do Alvia. “No primeiro día de escano, o 28 de febreiro de 2018 comprometinme a loitar por esta causa e seguirei facéndoo”, asegurou Ana Miranda.

 

O BNG considera imprescindíbel que Galiza manteña voz e presenza propias e sen dependencias en Bruxelas

Miranda enfatizou o valor do escano nacionalista en Bruxelas e afirmou que “se non estiveramos no Parlamento Europeo, o xeito estaría hoxe prohibido, as axudas da PAC estarían limitadas, e o saneamento das rías estaría morto”. Ademais, a eurodeputada sinalou que outros partidos votan nas comisións en virtude dos intereses de Madrid, fronte o BNG do que salientou que non se debe máis que ao pobo galego á hora de defender os intereses de Galiza.

Miranda apostou por continuar apoiando os sectores produtivos e as conexións de transporte

Nese sentido, Miranda apostou por continuar apoiando os sectores produtivos e as conexións de transporte man a man coas persoas afectadas de cada sector, e salientou que o escano do BNG seguirá sendo, en referencia aos sectores que con ela xa acudiron nesta lexislatura a Bruxelas, a voz das mariscadoras e mariscadores da ría do Burgo, das vítimas do accidente de Angrois, dos colectivos dos sectores produtivos e sociais, das pensionistas, das ecoloxistas e a clase traballadora.

En canto ao saneamento da auga, a eurodeputada nacionalista puxo en valor os diversos encontros de traballo que impulsou en Bruxelas e en Galiza, poñendo de relevo a necesidade de elaborar un informe global sobre o saneamento da auga en Galiza “que recolla todos os datos e situacións de falta de saneamento, que habitualmente vai acompañada pola mala execución dos fondos europeos”, engadiu.

Antifascismo e os 19 de Meirás

A candidatura do BNG, que forma parte da coalición Agora Repúblicas xunto a forzas soberanistas de Euskal Herria e Catalunya, tamén ten entre os seus compromisos principais a defensa da democracia fronte o centralismo e a ultradereita.

Ana Miranda impulsou en outubro a resolución aprobada nas institucións da UE contra o avance do neofascismo

Ana Miranda impulsou en outubro a resolución aprobada nas institucións da UE contra o avance do neofascismo e a prol da ilegalización da Fundación Francisco Franco. A candidata nacionalista comprometeuse a pular polo cumprimento desa resolución e a seguir defendendo ás 19 persoas de Meirás denunciadas pola familia Franco por reclamaren a devolución ao pobo do patrimonio espoliado polo ditador.

Goretti Sanmartín asegurou que foi o BNG o primeiro en pedir que se investigara que acontecía coas estatuas do Mestre Mateo

Nese sentido, a candidata nacionalista á alcaldía de Compostela, Goretti Sanmartín, asegurou que foi o BNG o primeiro en pedir que se investigara que acontecía co Pazo de Meirás e coas estatuas do Mestre Mateo (tamén arrebatadas ao pobo pola familia Franco) e denunciou a “covardía do PSOE no Estado por non querer actuar e presentar a demanda de Meirás”. Salientou ademais o contributo de Ana Miranda trasladando esta problemática ao Parlamento Europeo, dando así a coñecer en todo o mundo “o rostro do neofranquismo e da ultradereita”.