Pontón vaise reunir no Congreso coas forzas soberanistas na procura de apoios á transferencia da AP9

Pontón vaise reunir no Congreso coas forzas soberanistas na procura de apoios á transferencia da AP9
Ana Pontón
Ana Pontón  

Horas antes do debate do proxecto de lei da transferencia da AP9 no Congreso, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o portavoz parlamentario de infraestruturas, Luís Bará, reuniranse en Madrid con deputados e deputadas de EH-Bildu, ERC, PNV, PDeCat e Compromís.


O obxectivo é transmitirlles a importancia para Galiza desta transferencia e conseguir o seu apoio no debate. O texto que esta terza feira se somete a consideración do Congreso obtivo o visto bo o 15 de marzo de 2016. Foi redactado e impulsado polo BNG e inclúe a transferencia e o rescate da AP9.

“Espero que con escusas de mal pagador ninguén intente descolgarse da literalidade da lei, que se respecte a decisión da Cámara galega sen caer na tentación de descafeinar o texto porque sería un desprezo a todos os galegos e galegas”, advertiu Pontón.

A portavoz do grupo nacionalista foi moi crítica coa posición de Feijoo, a quen acusa de empeorar a situación. Di del que é  “responsábel da privatización, de aumentar a concesión até 2048” e que ao mudar de postura após a concesión da transferencia da AP1 a Euskadi  “só demostra a falta de consideración do propio presidente da Xunta con Galiza”.

Tamén chamou a atención sobre a “falta de posicionamento político claro por parte do PSOE”.