Ana Pontón a Feixoo: “Vostede representa o pasado, hai outra Galiza mellor”

Ana Pontón a Feixoo: “Vostede representa o pasado, hai outra Galiza mellor”

A portavoz do BNG acusa o presidente de deixar nestes 10 anos de goberno “unha Galiza peor que a que recibiu”, afectada por crises como a demográfica, a económica ou cun modelo de benestar recortado e reducido. “Hai futuro, pero hai que mudar de políticas”, acrecentou, propoñendo unha axenda que se faga en base aos intereses e necesidades da sociedade galega.


“Vostede representa o pasado, hai unha Galiza mellor e posíbel”. Ana Pontón deu por finiquitado o proxecto do PP de Feixoo para Galiza e situou o futuro para o país nunha “mudanza de políticas” que axude a superar as crises que, como a demográfica ou económica, sofre Galiza. Esta década de gobernos de Núñez Feixoo deixan, dixo, “un país minguante, peor do que vostede recibiu”.

A portavoz nacionalista fixo un repaso polo estado de saúde do país. Non foi un diagnóstico alentador. Pontón enumerou como nestes anos foron xurdindo ou acrecentando problemas demográficos, económicos, a crise ambiental ou a crise no autogoberno. Tamén a quebra en calidade democrática, citando entre outros exemplos a situación da CRTVG, que as profesionais denuncian a través dos ‘venres negros’...

Ao tempo, Galiza perde presenza a nivel estatal pola ausencia dunha organización, dixo “coas mans libres” para defender os intereses e necesidades da sociedade galega. O que cómpre é “menos Madrid e máis Galiza”, afirmou, “para conquistar un futuro mellor para este país”.

Propostas

Un novo modelo de financiamento ou un relatorio que faga valer o peso de Galiza no debate da remodelación territorial do Estado foron algunhas das propostas que a nacionalista puxo sobre a mesa. Non as únicas, pois apuntou máis: desde medidas para dinamizar a economía até as dirixidas a protexer e dinamizar o galego.