Ana Pontón, a primeira candidata á Presidencia da Xunta en votar

Ana Pontón, a primeira candidata á Presidencia da Xunta en votar
Ana Pontón, candidata do BNG
Ana Pontón, candidata do BNG  

[ACTUALIZADA ÁS 14.12H] Ana Pontón, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta, foi a máis madrugadora á hora de votar. Fíxoo, ás 10.30h, no CGAC. Media hora máis tarde votaba en Compostela o candidato do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga; tamén o de En Marea, Luís Villares, desde Lugo, e a cabeza de lista de Ciudadanos, Cristina Losada desde Vigo. O candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, fíxoo ás 12h en Vigo e o de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, votará ás 12.30h, na Baña.


A candidata á Presidencia da Xunta máis madrugadora á hora de exercer o seu dereito ao voto foi a nacionalista Ana Pontón. En declaracións aos medios, ao saír do colexio electoral do CGAC, a cabeza de lista do BNG animou todas as persoas a ir votar "con ilusión" porque "cada voto vai ser decisivo". Sinalou que hoxe se vai decidir "que Galiza queremos e que camiño queremos elixir".

"Nesa decisión a clave é que haxa unha ampla participación democrática. Estamos nun momento moi complexo para o país e é importante que a voz de todos os galegos e galegas se deixen sentir nas urnas", engadiu. Pontón concluíu as súas declaracións aos medios salientando que "é moito o que nos xogamos".

Ana Pontón pasará o resto da mañá visitando mesas en distintos colexios electorais e pola tarde fará o seguimento da xornada desde a sede nacional do BNG. A primeira valoración do Bloque terá lugar lugar ás 20.15h desde a Nave de Vidán.

Leiceaga

LEICEAGAO cabeza de lista do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, votou ás 11h no colexio electoral do reitorado. En declaracións aos medios, afirmou "espero que haxa unha elavada participación e que todo se desenvolva con normalidade". "Na fin da xornada coñeceremos o que decidiron os cidadáns e hai que aceptar o resultado sexa cal sexa", engadiu.

En resposta ás preguntas dos medios, puxo de manifesto que sempre é optimista e concluíu advertindo que "teremos tempo para coñecer os resultados reais e a ver que pasa".

O candidato da formación socialdemócrata pasará a xornada coa familia "tranquilamente en Santiago" onde gozará dunha "comida familiar". A partir das 20h fará seguimento da xornada electoral desde a sede do PSdeG en Compostela.

Villares

CtMKnDwWEAAThUzO cabeza de lista de En Marea á Presidencia da Xunta, Luís Villares, votou ás 11h no colexio da Casa das Linguas, en Lugo. Declarouse "moi ilusionado" e subliñou que a de hoxe "é unha xornada histórica para o país, polo que fago un chamamento a que todo o mundo vote e vote con ilusión".

O candidato de En Marea fixo fincapé na participación do electorado, "as páxinas da nosa historia temos que escribilas nós e por iso non sería bo que ninguén quedase na casa". "Espero moita participación, moita ilusión e que os resultados nos poñan nun rumo certo cara a unha Europa social", apuntou. Neste sentido, apelou á necesidade de que "todo o mundo sexa protagonista e non quede na casa pensando que o seu voto non importa".

Preguntado por como viviu a experiencia, admitiu que é "moi ilusionante poder soñar cun cambio político e desta sorte de democracia que temos. E poder facer unha achega como persoa individual e como proxecto político a isto é a honra máis grande que un cidadán pode ter".

Luís Villares xantará hoxe en familia e a partir das 19h fará seguimento da xornada electoral desde o local de En Marea no Toural (Compostela).

Losada

CtMDMPdXEAALZlaAo igual que os candidatos do PSdeG e de En Marea, a cabeza de lista de Ciudadanos, Cristina Losada, votou ás 11h. Fíxoo en Vigo, no colexio electoral do concello, onde, en castelán, emprazou os galegos e galegas a exercer o seu dereito ao voto advertindo que "as cousas que non funcionan poden cambiar a partir de mañá en Galicia".

Insistiu en que as decisión "afectan a todos", polo que votar "é unha maneira de se implicar nelas". "É a base tamén para ter unha democracia con maior esixencia, maior responsabilidade e maior rendición de contas dos seus representantes políticos".

Losada afirmou que confía nunha "gran participación", en que a cidadanía "reflexione" e vexa "cales son as mellores propostas e os mellores representantes posíbeis". Tamén se amosou confiada en que após esta xornada electoral "os partidos que decidiron bloquear a situación política a nivel estatal dean un paso adiante para iniciar a lexislatura e para ter un goberno e unha oposición".

Preguntada sobre como pasará o resto do día, respondeu que lle "toca" a ela facer a comida. Durante a tarde, desprazarase á Coruña, onde fará seguimento da xornada eleitoral desde un hotel da cidade.

Feijóo

feijooO candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que votou ás 12h en Vigo, expresou en declaracións aos medios a súa esperanza de que esta noite poida enviarse "unha mensaxe de prosperidade e futuro" e que haxa "un sendeiro claro" do que pasará na Galiza nos próximos catro anos, pois iso, ao seu ver, significaría que os galegos e galegas votaron "de forma diáfana".

Feijóo fixo un chamamento á participación mesmo "a quen está traballando na vendima" a que vote para que Galiza "poida continuar o seu camiño de certeza e benestar". O importante, asegurou, é que Galiza "siga avanzando".

Bascuas

xoanbascuasvotando-1474805515O último cabeza de lista en votar na xornada electoral deste domingo foi Xoán Bascuas, o candidato de Compromiso por Galicia á Presidencia da Xunta. Ás 12.30h presentábase no colexio eleitoral das Escolas Vellas de Marcelle, na Baña, e daba conta do desexo de que a xente "exprese a súa opción de voto en virtude da liberdade, que busque aquela forza política que mellor reflicta a súa forma de pensar, de sentir e de vivir o país".

Nas declaracións aos medios, Bascuas chamou a atención sobre a necesidade do "reequilibrio do interior" coa zona da costa. "Esta situación vai moito máis alá dun problema que só atinxa a Lugo ou Ourense. É un problema que atinxe tamén ás circunscricións de Pontevedra e da Coruña e ten que ser máis que un eslógan", concluíu.