A FORMACIÓN DE BEIRAS CONTRADÍ O OFICIALISMO DE EN MAREA

Anova chama a unha “fronte ampla contra a ultradereita”

Anova chama a unha “fronte ampla contra a ultradereita”
Xosé Manuel Beiras intervén na coordinadora nacional de Anova, este sábado, 23 de febreiro. Foto: @FernanVello
Xosé Manuel Beiras intervén na coordinadora nacional de Anova, este sábado, 23 de febreiro. Foto: @FernanVello  

Contra a “alianza reaccionaria”, “reactivar a potencia social e electoral do espazo político que emanou do campo sementado no 15M e que tivo a súa primeira tradución política en Galiza con AGE”. Eis a síntese do posicionamento de Anova, que chama a unha “fronte ampla contra o auxe da ultradereita”.


A formación de Beiras reuniu este sábado a súa coordinadora nacional e decidiu reafirmar a súa “aposta estratéxica”: “Sermos un espazo de encontro de culturas políticas diferentes que, nun intre histórico caracterizado pola dureza da crise económica, decidimos buscar unha actuación común para blindar os dereitos e o benestar das maiorías”. Isto tradúcese no que entenden unha disxuntiva: ben “cambio político rupturista”, ben “deriva reaccionaria”.

A consecuencia política deste diagnóstico é, para a organización cuxo portavoz nacional é Antón Sánchez, “dar continuidade ao traballo realizado con AGE, coas mareas municipalistas, co acordo de Mazarelos e coa asemblea de Vigo”. É dicir, Anova-Irmandade Nacionalista contradí así a dirección do partido instrumental En Marea, encabezada polo portavoz parlamentario Luís Villares. Esta considera superado o intre Mazarelos -o pacto tripartito entre Anova, Podemos e Esquerda Unida que colocou cinco deputadas e unha senadora no Congreso- e que a fórmula de partido instrumental é a única que garante “un grupo parlamentario propio”.

Mentres os villaristas sitúan o seu foco político na cuestión do grupo parlamentario, Anova realiza unha análise ampla do contexto. “A normalización da crise do Réxime do 78 pasa pola conformación dun bloque reaccionario no que PP e Ciudadanos non subidarán en sumar cos escanos da ultradereita”, afirma, “estase a ensaiar unha saída autoritaria” á mencionada crise.

A sombra da ultradereita, que Anova identifica con Vox, implica “o recorte de liberdades, de dereitos sociais e nacionais gañadas en décadas de loita, e impoñer un proceso recentralizador, un 155 permanente, sobre o xa limitado autogoberno [galego]”.

Para frear “o horizonte escuro en que a tríade reaccionaria non descarta a ilegalización de partidos políticos”, Anova “segue a apostar pola unidade entre diferentes, sempre que haxa un mínimo común denominador compartido: ruptura democrática no Estado español, defensa das clases subalternas, recoñecemento de Galiza como nación con dereito a decidir”.

Villares, En Marea e o 15M  


Está por ver se existe algún posíbel encaixe entre a estratexia de Anova e En Marea partido instrumental. A xulgar polas declaracións do propio Luís Villares estes mesmo sábado, parece complicado. Nunhas xornadas sobre financiamento local, o portavoz parlamentario da confluencia insistiu en que “a fórmula máis integradora” é o partido de En Marea. “O partido instrumental é unha aposta ética e democrática”, asegurou, “o que mellor representa o espírito do 15M, que quería superar dinámicos de partidos e ir a espazos cidadanistas”.

Villares tamén reivindicou AGE e o papel de Beiras, mais para argumentar o contrario do que a propia coordinadora nacional de Anova -á que asistiu Beiras. “AGE iniciou o camiño cara a un espazo republicano e cidadán en que os partidos só sexan motores auxiliares e os protagonistas sexan os cidadáns”. No complexo mundo das confluencias, os principais apoios de Villares proceden de sectores escindidos de Anova ao non compartir a vía AGE e que ficaron á marxe das mareas municipalistas.

O portavoz de En Marea tamén reiterou a súa idea dunha plataforma conxunta de BNG, PSdeG e En Marea para o Senado, e dirixiuse explicitamente a Gonzalo Caballero, secretario xeral dos socialistas: “Compañeiro Gonzalo Caballero, que dificultade hai para que nos entendamos na defensa do autogoberno, do progreso social e da igualdade de mulleres e homes?”.



x