Anova cualifica de “ilexítima” a asemblea de Ourense, que apoia a candidatura de En Marea

Anova cualifica de “ilexítima” a asemblea de Ourense, que apoia a candidatura de En Marea
Antón Sánchez
Antón Sánchez  Foto: En Marea

De “ilexítima”. Así cualificou na mañá do sábado a dirección de Anova a “suposta” asemblea local do partido en Ourense despois de anunciar que apoia a candidatura en solitario de En Marea ás eleccións xerais.


A dirección nacional de Anova enviou un comunicado de imprensa aos medios na mañá do sábado para desautorizar a “suposta” asemblea local de Anova-Ourense, que considera “ilexítima”. Fíxoo despois de anunciar o órgano municipal que apoia a candidatura en solitario de En Marea ás eleccións xerais do 28 de abril. Unha decisión que contravén a dirección do partido liderado por Antón Sánchez, que aposta en renovar a coalición con EU e Podemos en lugar de concorrer con En Marea en solitario.

A asemblea de Ourense, que na pasada quinta feira acordou apoiar a candidatura impulsada por Luís Villares, fíxose “á marxe das normas da organización” e mesmo “marxinando militantes que non foron convocados na localidade”. “Non todas as persoas afiliadas a Anova en Ourense foron convocadas ás reunións”, advirte a dirección do partido, que indica que, en consecuencia, “dificilmente pode aceptarse que a opinión trasladada é a do conxunto maioritario da militancia na localidade”.

“En Anova, como en calquera organización política democrática, as decisións adóptanse democraticamente a través dos organismos dispostos estatutariamente. Este non é o caso da autodenominada Anova-Ourense”, denuncia a dirección, que informa de que “desde a III Asemblea Nacional de marzo de 2017 non tivo lugar a necesaria renovación de organismos nesta localidade”. Anova acrecenta “as persoas que ostentaban a responsabilidade da organización antes do período asembleario mantiveron o control dos recursos da organización en Ourense”.

Anova denuncia no comunicado que “decisións como as de rachar Ourense en Común pactando con outros sectores unha nova plataforma electoral ou as de presentarse nas primarias de En Marea son contrarias ás decisións estratéxicas de Anova e tampouco tiveron o aval da Asemblea local de Ourense”. “As decisión adoptadas polas persoas que se apropian do nome de Anova en Ourense só teñen un obxectivo: rachar o proxecto mestizo, plural e diverso da unidade popular”, denuncia a dirección.

O comunicado de imprensa advirte de que Anova “nunca foi pensada como un reino de taifas de intereses localistas”.

A reacción de Anova chega un día despois de que Anova-Ourense anunciase que as bases fixeran “unha análise moi crítica sobre a situación en que a dirección do partido se someteu á fórmula de confluencia durante estes últimos anos, con continuos ataques ás decisións tomadas soberanamente polos inscritos de En Marea”.

Na liña que defende a cúpula de En Marea, Anova-Ourense denunciou "pasos atrás" coa volta a "fórmulas de coalición onde a participación nas decisións é nula". De aí que comunicasen publicamente o apoio "explícito" á candidatura de En Marea ás eleccións xerais.



x