Anova fará unha consulta interna sobre a fórmula xurídica de ‘En Marea’ para o 26X

Anova fará unha consulta interna sobre a fórmula xurídica de ‘En Marea’ para o 26X
Beiras En Marea
Beiras En Marea  FB de Xosé Manuel Beiras

Afirma que “asina preventivamente” que concorra como coligazón porque o prazo de inscrición desta fórmula remata esta sexta feira, mais lembra que hai prazo até o día 23 para poder escoller outra fórmula.


Anova Irmandade Nacionalista fará a vindeira semana unha consulta interna para que a súa militancia poida opinar e elixir tanto a fórmula xurídica coa que prefiren que En Marea concorra o 26X como as persoas a integrar as candidaturas. “Para salvagardar o espazo de confluencia, e debido á cuestión burocrática de que o prazo de inscrición de coalicións remata o día 13 de maio, Anova-IN vese na obriga de asinar preventivamente a coalición ‘En Marea’ antes de consultar a decisión sobre a fórmula xurídica ás súas bases. Malia isto, lembra que aínda queda prazo até o día 23 para poder escoller outra fórmula”, indican nun comunicado.

Así pois, a formación que lidera Beiras non fecha a porta a seguir dando a batalla por outro fórmula de concorrencia, contra o criterio de EU e Podemos, que dan por sentado que vai ser coligazón. Memso sinala que “terá moi en conta o sentir da Asemblea do 15M de ’En Marea’ para adoptar unha decisión definitiva neste eido”.

A Comisión Permanente de Anova tamén convocará para a semana un novo proceso de primarias para dilucidar as persoas candidatas a se integraren nas listas electorais de ‘En Marea’.

No comunicado, Anova incide en que “priorizou sempre a Unidade Popular e os espazos de confluencia”, mais di que este debe ser “democratizado e aberto a cidadanía galega, pois ese foi o compromiso adquirido o 20D”.