Anova non concorrerá ás eleccións xerais: “Non se dan as condicións para a creación dunha fronte ampla”

Anova non concorrerá ás eleccións xerais: “Non se dan as condicións para a creación dunha fronte ampla”
[Imaxe: Anova]
[Imaxe: Anova]  

A decisión confirma a disgregación dos actores políticos que conformaron En Marea. 


Anova non vai facer parte da coalición que preparan Esquerda Unida e Podemos para concorrer ás eleccións xerais. Mais tampouco fará parte da candidatura de En Marea. Anova anuncia que non vai estar nesa cita electoral por, afirma, non darse as condicións para a creación “dunha fronte ampla”. 

“Mantivemos, por unha banda, conversas con Podemos Galicia e con Esquerda Unida, forzas coas que vimos compartindo espazo e alianzas, pero non conseguimos pechar un primeiro acordo que poder trasladar a outras forzas políticas. O BNG desbotou a oferta de diálogo e En Marea fixo outro tanto remitíndonos ao seu proceso interno de primarias”, indican nun comunicado.


Anova manifesta que “lamentabelmente non se dan as condicións políticas” para que poida asinar un acordo “semellante ao que deu orixe á coalición En Marea en 2016”. Fontes do partido consultadas pola cadena Ser, achacan esta ruptura á intención de impoñer de cabeza de lista por Pontevedra a Yolanda Díaz, cando Anova entendia que correspondería a alguén desigando por eles (como foi nos anteriores comicios).

Con todo, indican, Anova seguirá o proceso de diálogo “para apoiar e impulsar candidaturas de Unidade Popular nas eleccións municipais. No inmediato, a prioridade de Anova será construír un espazo de ruptura, necesariamente plural, no maior número de concellos galegos”.
 

Despois das eleccións municipais Anova anuncia que abrirá un período de debate e reflexión sobre a estratexia política que concluirá na IV Asemblea Nacional.