Anova chama a converter as primarias de En Marea nun “revogatorio” da dirección de Luis Villares

Anova chama a converter as primarias de En Marea nun “revogatorio” da dirección de Luis Villares
Coordenadora Nacional de Anova.
Coordenadora Nacional de Anova.  Foto: @BraisRibeiro

Pide manter a candidatura 'Entre Todas' neste proceso electoral e posiciónase a favor de "reinventar" o espazo común. Podemos e Esquerda Unida valoraron toda a xornada se participar ou non nas votacións reactivadas polo Consello das Mareas e que arrincan este sábado.


A Coordinadora Nacional de Anova aposta en que se participe nas primarias de En Marea que comezan este sábado e decorrerán até a segunda feira. “Diante da chantaxe á que nos vemos sometidos por este estado de excepción no que os organismos en funcións suplantan os acordos do Plenario do 27 de outubro, dende Anova entendemos que debemos manter a candidatura Entre Todas neste proceso interno para convertelo nun revogatorio contra a Coordinadora de Luís Villares”, indican nun comunicado.

A formación considera que “neste contexto” é necesario “relanzar a Unidade Popular contando con aqueles continxentes que actúan nos diferentes espazos que compartimos, dándolle protagonismo ás mareas municipalistas e reinventado o espazo común”.

Anova dá, pois, un paso á fronte e é a primeira das tres formacións do sector crítico en mostrarse favorábel a acudir a votar nas primarias. Falla por saber agora que decidirán Podemos e Esquerda Unida, que nas últimas horas deron diversos indicios de que a vontade era a de non participar. Porén, finamente, apóntase a que si o farán. 

As persoas inscritas foron convocadas polo Consello das Mareas a votar durante esta fin de semana unha vez que considera o órgano que hai garantías para retomar as primarias. Os horarios de votación serán de 9h do sábado 22 de decembro ata ás 9h do luns 24 de decembro. Os locais de votación serán publicitados polas canles habituais de En Marea.