Anova reduce a súa Executiva e aposta en Raúl Asegurado e en Iria Otero para as principais áreas

Anova reduce a súa Executiva e aposta en Raúl Asegurado e en Iria Otero para as principais áreas
Antón Sánchez, cos membros da nova Executiva
Antón Sánchez, cos membros da nova Executiva  

A Coordinadora Nacional de Anova, elixida na III Asemblea da formación, decidiu reducir os membros da Comisión Permanente, o seu principal órgano executivo, de 20 a 13. As áreas de maior relevancia, Coordinación e Organización, serán ocupadas por Raúl Asegurado e Iria Otero, respeitivamente.


A Coordinadora Nacional de Anova que saíu da asemblea que tivo lugar en Pontevedra no mes de marzo, e que se saldou cunha liorta entre algúns dos participantes, elixiu este sábado a Comisión Permanente, o seu órgano executivo. Segundo informa o partido capitaneado por Antón Sánchez, ocupa a área de Coordinación Raúl Asegurado, mentres que Iria Otero se encarga da área de Organización.

Aliás, Gladis Afonso é a responsábel de Finanzas; Ana Ardiz, de Comunicación interna; Xiana López, das Relacións Políticas e Raquel Martínez, de Comunicación. Rebelión Cívica ocúpaa Brais Borrajo e Lara Rodríguez, edila en Lalín, é a encargada de Acción Institucional. Brais Rodríguez é o responsábel de Formación e Antón Dobao, de Iniciativas Programáticas, mentres que Valeria Vázquez dirixe Acción Feminista e Iván Rodríguez, Mocidade.

Nun receso durante a Coordinadora Nacional, o portavoz de Anova apelou á necesidade de “utilizar as institucións para retroalimentar a rebelión cívica” e subliñou que “é tempo de traballar no seo da sociedade”, en conexión cos “movementos sociais”, coas “asembleas territoriais” e coas “mareas municipais, que están na primeira línea de loita nas institucións”. Desta maneira, apostou en Anova como “unha ferramenta para trasladar as reivindicacións da rúa ás institucións”.

Antón Sánchez ten o reto de sumar as voces críticas co papel que desenvolveu a anterior dirección de Anova en relación a En Marea

Antón Sánchez terá agora o reto de sumar as voces críticas co papel que desenvolveu a anterior dirección de Anova en relación a En Marea.

En Marea

En relación a En Marea, un día antes de que teña lugar o Consello das Mareas, Antón Sánchez chamou a fuxir de “debates nominalistas” e a “respeitar a normalidade e diversidade” á hora de elixir a coordinadora e a portavocía.

O portavoz nacional de Anova sinalou que En Marea “é un espazo de unidade popular” que “non pode ficar nunha coligazón de partidos”. “Non queremos ser un partido tradicional, queremos ser un movemento transformador”, engadiu.

"É moito máis complicado" adoptar decisións nun espazo onde conflúen diferentes culturas políticas, admite o portavoz de Anova

O tamén viceportavoz parlamentar de En Marea admitiu que  “é moito máis complicado” adoptar decisións nun espazo onde “conflúen diferentes culturas políticas” que en Anova. O partido instrumental celebra este domingo o Consello das Mareas, onde se debería dirimir quen vai ocupar a portavocía da formación, aínda que as diferenzas entre as correntes impiden que se teña chegado a un acordo.

O propio Antón Sánchez explicou, en declaracións aos medios, que a orde do día do Consello das Mareas está incluída a elección da coordinadora e da portavocía ou portavocías. Porén, tamén salientou que a orde do día sairá adiante ou non en función de como transcorra a reunión.