Anova reedita a coalición 'Son' para as municipais

Anova reedita a coalición 'Son' para as municipais

Faino unicamente con carácter instrumental para dar “soporte” ás candidaturas municipais nas que participa esta organización. A Irmandade Nacionalista reitera a súa aposta nas “mareas e candidaturas de Unidade Popular” para os comicios de maio.


Anova reedita para as eleccións municipais a coalición instrumental empregada hai catro anos 'Son', e que desta volta bautiza como 'Son-En Común'. A través dun comunicado, esta organización aclara que 'Son-En Común' é unha coalición instrumental que ten como obxectivo servir “de paraugas xurídico para garantir que as candidaturas de unidade que así o necesiten teñan un respaldo xurídico e organizativo, sempre apoiadas no proxecto municipalista e na unidade popular.”


A coalición SON -En Común, así pois, é unicamente instrumental e dará soporte algunhas das candidaturas municipalistas nas que traballa esta organización. “Anova aposta por elas e tamén por outras que non están dentro desa fórmula xurídica, como son Compostela Aberta, Marea Atlántica, Ourense en Común e outras moitas de vilas e concellos galegos  que soberanamente deciden participar coa súa propia marca municipal e que teñen todo o noso apoio e implicación”.

A Irmandade Nacionalista entende que o fundamental do proceso das eleccións municipais de maio de 2019 é “consolidar a rede de iniciativas e candidaturas municipalistas que levamos construíndo xunto con outros axentes en moitos concellos galegos”.


“A coalición Son-En Común non aspira nin pretende representar ao conxunto do espazo municipalista: consiste nunha ferramenta instrumental e xurídica que é posta ao servizo das candidaturas municipalistas que soberanamente decidiron optar por esta fórmula de concorrencia”.


Nese sentido, insisten en que non queren que isto se interprete “como un proceso de homologación nin de apropiación partidaria do municipalismo galego”, algo que afirman “sí pretenden outros cando presentan  agrupacións territoriais como pretendidas mareas e que mesmo xogan a competir contra candidaturas que nestes momentos gobernan como é o caso da cidade de Ferrol”, en refrencia a En Marea.



x