ANTÓN GÓMEZ-REINO, NÚMERO UN DE GALICIA EN COMÚN POLA CORUÑA

"Galiza ten máis posibilidades que nunca antes de estar no goberno do Estado a partir do 10-N"

"Galiza ten máis posibilidades que nunca antes de estar no goberno do Estado a partir do 10-N"
Antón Gómez-Reino. [Imaxe: Podemos Galicia]
Antón Gómez-Reino. [Imaxe: Podemos Galicia]  
Antón Gómez-Reino Varela (A Coruña, 1980) é o secretario xeral de Podemos Galicia e preséntase por cuarta vez como cabeza de lista pola Coruña. Galicia En Común cre ter o escano de Gómez-Reino ben consolidado e non lle preocupa a competencia de Carolina Bescansa nin onde vaian parar os apoios de quen foron ou son os socios parlamentarios de Podemos que non concorren ás eleccións. O candidato avanza unha campaña intensa, coa presencia de Xabier Domènech o sábado en Compostela e de Pablo Iglesias o domingo na Coruña.

Como secretario xeral de Podemos Galicia, con que aspiracións parte Galicia En Común nesta repetición das estatais?
Aspiramos a consolidar os escanos que conseguimos en abril e a mellorar os resultados. Estamos máis próximos do segundo escano en Pontevedra que na Coruña, pero os datos que manexamos din que ambos son posíbeis. Ademais, somos a única forza política capaz de volver rachar o bipartidismo nas circunscricións de Lugo e Ourense. En Lugo estamos moi preto de volver ter escano. Pensamos que hai moito votante que o 28-A puido ter votado ao PSOE que se decatou de que entregarlle un voto de esquerdas ao PSOE é entregarlle un voto á dereita.

Din as súas enquisas que están a recuperar voto do PSOE?
Dino todas as enquisas. E percibímolo nós. Eu creo que houbo moito votante de esquerdas no país que lle deu un novo, e probabelmente o último, voto de confianza ao PSOE. Hai moita xente que se deu conta despois do 28-A que o PSOE non é de fiar se queres ter un goberno de esquerdas.

Outras forzas políticas á esquerda e á dereita acúsanos de non ter defendido Galiza no Congreso. Pensa que se impuxo esa idea na opinión pública? Como lles afecta?
Cumprimos co traballo que nos tocaba facer. Volvemos ser o espazo máis activo na presentación de iniciativas e nos poucos plenos que houbo nesta lexislatura. Levamos todas as demandas da cidadanía galega ao Congreso e ao Senado. Penso que as galegas e os galegos terían dificultades para identificar polo nome unha deputada ou deputado galego do PP ou do PSOE, mentres que o noso traballo é coñecido. Nós non queremos estar só nos temas que afectan ao país; queremos que Galiza teña un papel preponderante noutros debates. Por exemplo, en cuestións como a estrutura territorial do Estado ou a reforma das pensións ou o sector industrial, nos que non só levamos a voz de Galiza a Madrid senón que somos os que lideramos as propostas que se fan desde o espazo confederal de Unidas Podemos.

Hai moita xente que se deu conta despois do 28-A que o PSOE non é de fiar se queres ter un goberno de esquerdas

A cuestión catalá vai ocupar boa parte da campaña. Que postura ten Galicia En Común respecto a unha solución para Catalunya?
Pensamos que a peor das noticias é que se teña xudicializado unha cuestión que é netamente política. E os problemas políticos hai que resolvelos pola vía política. Todo o mundo sabe que hai unha maioría de cataláns, uns independentistas, outros non, que queren participar na forma de incardinar a realidade catalá co resto do Estado, o seu encaixe constitucional, e iso debe facerse dunha forma democrática. Ten que rematar o tempo da xudicialización e empezar o da política. Diálogo, diálogo e diálogo.

E tamén un referendo, non?
Ben, hai mecanismos. En calquera caso, o que está dicindo moita xente dentro e fóra de Catalunya é que hai que rebaixar a tensión, normalizar democraticamente a situación en todos os ámbitos e, despois, volver a un escenario no que se poida falar de todo.

Antón Gómez-Reino (2)Como está afectando Catalunya á política na Galiza e noutras nacións sen estado dentro do Estado español?
Penso que o noso país ten singularidade propia a todos os efectos. Tamén no ecosistema político e en como as galegas e os galegos vemos a nosa incardinación no Estado e as controversias que hai noutras nacións sen estado. Desde aquí vemos determinadas demandas con moita máis calma... Máis aló de certos movementos residuais, no país estanse a mirar as realidades catalá ou vasca con mesura e con naturalidade democrática. Nós dicimos sempre que Catalunya é importante pero Galiza ten que ser igual de importante no marco do Estado.

Temen que o PSOE e o goberno en funcións utilicen en campaña a cuestión catalá?
Eu o que creo é que calquera que pretenda utilizar esta problemática política por interese electoral sería moi irresponsábel, se chame Pedro Sánchez ou se chame a vella dereita española. Non pode ser que no canto de axudar a normalizar a situación, desde o goberno se colabore en enquistala.

Nós dicimos sempre que Catalunya é importante pero Galiza ten que ser igual de importante no marco do Estado.

Agora que parece evidente que o PSOE fixo todo o que puido para non pactar con Unidas Podemos, que posibilidades ve dun pacto PSOE-Podemos despois do 10-N?
Eu creo que todas. Diante dunha irresponsabilidade histórica, como foi a de ternos levado a esta repetición electoral, a resposta debe ser unha oportunidade histórica. E por dicilo claro, penso que Galiza ten máis posibilidades que o 28-A e que nunca antes de estar no goberno do Estado a partir do 10-N.

Que renuncias non faría hoxe Unidas Podemos nesa posíbel nova negociación?
Hai que ver os resultados e hai que sentar. Nós fomos moi flexíbeis. Pero fixémolo por unha cuestión fundamental: para que houbera un goberno no Estado que derogase a reforma laboral, a lei mordaza, a LOMCE... e que afronte a cuestión territorial con normalidade democrática.

Logo, desta volta Pablo Iglesias non vai servir a súa propia cabeza nunha bandexa a Pedro Sánchez?
Con toda a humildade, o que fixo Pablo Iglesias foi un exercicio de xenerosidade importante. Todos os candidatos á Presidencia do Goberno pensan no seu capital político persoal e na súa organización política. Pablo Iglesias puxo por riba diso o beneficio do conxunto da xente.

Que lle fai pensar que está máis preto esa coalición de esquerdas que a gran coalición PSOE-PP da que se fala hai tempo?
É certo que na axenda do status quo do Estado sempre estivo esa gran coalición. Pero o PSOE sabe que se fai iso estaría traizoando á súa base e aos seus votantes.

Un goberno responsábel non pode destruír un só posto de traballo sen crear outro novo.

Pódese defender o emprego nas comarcas industriais ao tempo que se aposta por fechar as empresas que hai que fechar?
Ten que haber unha transición ecolóxica, pero ten que ser unha transición xusta. Estase facendo en Francia e en Italia, pero aquí os gobernos do señor Aznar e outros que viñeron despois burlábanse do cambio climático, por iso levamos anos de atraso nesta transición.

Vostede preséntase pola circunscrición da Coruña, cal é a súa perspectiva da crise industrial?
Hai que darlle saída ao sector industrial porque temos un sector vivo que se está a enfrontar a un PSOE que recorda ao dos tempos de Solchaga e da reconversión. O sector é competitivo e hai que axudalo. Evidentemente, ten que adaptarse á situación de cambio climático e haberá que facer unha síntese entre a necesidade de manter o sector e a emerxencia climática. Un goberno responsábel non pode destruír un só posto de traballo sen crear outro novo. Pero na Coruña non só hai problemas no sector industrial...

Cales son os outros?
Hai que atender ás necesidades do sector lácteo e do pesqueiro. Veñen novos desafíos nas negociacións con Bruxelas que temos que enfrontar. Ambientalmente levamos anos poñendo o foco no estado das rías, especialmente nas do Burgo na Coruña e na de Ferrol. Precisan unha solución urxente. Ademais, isto ten un aspecto de rexeneración económica importante. Tamén hai que xerar oportunidades de emprego para a xente moza da provincia, que está moi preparada e non topa traballo aquí.