MIGUEL SANTALICES, PRESIDENTE DO PARLAMENTO

"Apaixóname o traballo no Parlamento"

"Apaixóname o traballo no Parlamento"
Miguel Santalices [Imaxe: Parlamento de Galicia]
Miguel Santalices [Imaxe: Parlamento de Galicia]  
Miguel Ángel Santalices (Bande, 1955) relevou Pilar Rojo á fronte da Presidencia do Parlamento en xaneiro de 2016. Licenciado en Medicina e Cirurxía pola USC, ocupou altos cargos na xestión da sanidade pública e desde 1997 é deputado do PP, partido do que fai parte na súa dirección. Sobre a mesa do seu despacho, Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, de Carlos Babío e Manuel Pérez, “agasalloumo Luís Bará. Eu teño boa relación con moitos deputados e deputadas”, sinala cando se lle pregunta polo libro. Colgan das paredes un gran cadro de Quessada e outro de Lamazares. E sobre a mesa de reunións, unha escultura de Acisclo Manzano. “Gosto moito da arte e o Parlamento conta cunha colección moi importante que é patrimonio de toda Galiza”, explica. Entrevistamos o presidente da Cámara con motivo do Día da Patria Galega. Eis un extracto da entrevista publicada no número 356 do semanario en papel Sermos Galiza.

m_22-23Que significado ten para vostede o 25 de Xullo?

É un día moi importante para que lembremos o que é a nosa terra, a nosa cultura, a nosa historia e, dalgún xeito, para que nos formulemos que non hai nada máis grande que honrar os que foron os nosos referentes e os nosos sinais de identidade. Na maneira en que esteas honrando e lembrando iso, estás, ao mesmo tempo, marcando unha liña para o futuro. Un pobo constrúese lembrando a historia das persoas que o fixeron grande. O 25 de Xullo non só é importante desde o ámbito cultural, senón de recordo do que é a nosa identidade. Xocas [Xaquín Lourenzo], a quen vimos de homenaxear, dicía que hai que empezar a contarlle á nosa xente que nós temos unha cultura, unha lingua e unha forma de ser. Non somos mellores nin peores que ninguén. As galegas e galegos somos, nese sentido, diferentes e, por tanto, non debemos ter medo a explicalo.

Falaba de identidade. Vostede tense pronunciado en defensa da lingua galega. Como valora a situación actual que vive o idioma?

Isto cambiou moito, para ben, a respeito de hai moitos anos. Ourense é neste campo un epicentro. Imos celebrar os cen anos da Xeración Nós, que ten unha forte implantación en Ourense e grazas a todos eses homes, a lingua non morreu, mais houbo etapas que foron moi complicadas. O noso idioma sufriu moito, mais afortunadamente hoxe podemos falar galego con moita normalidade e hai informes da RAG que nalgúns apartados recoñecen que o niveis de coñecemento e fala son aceptábeis. Algúns utilizan eses informes para dicir que tiñamos que falalo e escribilo máis. Eu quedo co que me pasa a min “veño dunha familia galeguista e cristiá e non me boto fóra nada diso” e eu penso en galego. Síntome moi cómodo en galego. Enterrei hai xa anos aquilo de utilizar o galego como sinónimo de brincadeiras nos programas de televisión. A min iso serviume como revulsivo. Vostede preside o Parlamento desde xaneiro de 2016. Que balanzo fai destes tres anos á fronte da institución? Como balanzo da actividade parlamentaria en aspectos lexislativos, temos acadado consenso en temas importantes e o Parlamento ten unha boa capacidade produtiva a ese nivel. Entre xaneiro e xullo, é dicir, no último período de sesións, aprobáronse cinco leis e a min prodúceme satisfacción que haxa consenso na Cámara. Hai ademais outra actividade, as proposicións non de lei, e aí acadamos acordos importantes. Deuse un bo traballo parlamentar, un bo debate. Neste sentido, síntome satisfeito de que sexamos o Parlamento máis eficiente do Estado español porque somos o que máis capacidade produtiva ten en relación aos recursos.

Hai outro aspecto no que me sinto aínda máis satisfeito: fomos quen de consolidar e marcar unha liña de apertura do Parlamento á sociedade. Hai que lembrar que somos a primeira institución da comunidade autónoma e eu preguntábame como era posíbel que o centro onde están elixidos os representantes da sociedade e onde se fai a política non tivese un recoñecemento da sociedade. Iso estrañoume moitísimo. Estamos agora nunha fase en que empezaron os recoñecementos, o último deles, o Premio Celanova Casa dos Poetas, precisamente pola nosa apertura á sociedade. Por outra banda, as nosas visitas escolares creceron de maneira exponencial. Nós pagámoslles a viaxe e acceden ao Parlamento por rigorosa orde de petición. Tamén se nos solicita realizar moitos actos aquí.

Referíase ao consenso. E un dos temas en que se logrou un acordo foi coa solicitude da transferencia da autoestrada AP-9.

Levei unha alegría enorme cando acadamos iso. Foi unha situación que vivín dunha maneira agradábel, mais tamén desagradábel. Agradábel en tanto que o Parlamento se manifestou de maneira unánime a favor da transferencia e gustaríame que a asunción de competencias fose efectiva, porque a xestión da AP9 é moi mellorábel e xestionándoa nós, de maneira pública, estaría moito mellor. E falaba de pequena decepción porque a este acordo que emanou do Parlamento dun xeito unánime, en principio, non se lle permitiu o debate no Congreso. Eu non me sentín cómodo con esa decisión e díxeno.

Os resultados nas pasadas citas electorais non foron os mellores para o PP na Galiza. Que conclusións debe sacar o seu partido e que alternativas debe poñer en marcha para corrixir a situación?

Desde o noso punto de vista, non son uns resultados cos que poidamos estar satisfeitos e cando ti non estás satisfeito cos resultados o primeiro que tes que analizar é o porqué. E aquí debemos ser críticos. Un ten que mirar cara a dentro e ver que temos que mellorar e corrixir. Desde o meu punto de vista, a nós vainos moi ben nas eleccións da Galiza sempre que tiramos do ADN galego. Cando tiramos de ADN galego, metémonos entre a xente e temos uns bos resultados. Pido que, na medida do posíbel, de cara ás eleccións galegas, se poña o noso ADN de novo enriba da mesa e tiremos do que sempre fomos, un partido que se meteu entre a xente e un partido que coñece a idiosincrasia do pobo galego. Penso que é a reflexión que debemos facer.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 356 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]