Apostan por un espazo de encontro para o diálogo das diferentes iniciativas cidadáns que están a agromar


Apostan por un espazo de encontro para o diálogo das diferentes iniciativas cidadáns que están a agromar

Marea Atlántica entende que é de interese procurar sinerxias e cooperación entre aquelas iniciativas de ‘marcado carácter cidadán’ que se están creando nestas semanas en diferentes cidades e comarcaras galegas

A Marea Atlántica é un proceso “de carácter municipalista e ámbito municipal”. Mais non é localista. Eles e elas propios recoñecen que o paso dado na comarca coruñesa prodúcese nun marco en que outros e outras están, “atendendo as singularidades de cada vila, concello ou cidade”, apostando por un camiño semellante. Cunha intención común e compartida, indican: “Construír fórmulas que, baixo a fórmula da marea cidadá ou non, busquen a confluencia da cidadanía e as organizacións sociais e políticas”.

A Marea Atlántica celebra a aparición de procesos destas características por distintas localidades do país. “Sen vocación de tutelaxe nin de validación, a Marea Atlántica buscará cooperar e colaborar con aquelas iniciativas que entendan a democratización, o protagonismo social, a confluencia e a vontade expresa de devolverlle o poder municipal á cidadanía como elementos nucleares do seu proceso”. Afirman que procurarán sinerxías e colaboracións, “con aquelas iniciativas que teñan un marcado carácter cidadán, que como procesos de confluencia por abaixo estean atentos a desenvolver protocolos que eviten a monopolización e a tutela de organizacións políticas, e que comprendan que o compromiso ético que queremos trasladar ás institucións fundaméntase en mecanismos de transparencia abertos á cidadanía”.

Unha proposta que se amplía, sinalan, “a recoller o valioso de experiencias municipais que demostrasen estar contra a destrución do público e pola transformación e mellora efectiva da vida dos cidadáns”.

Por todo iso, Marea Atlántica empraza “a aquelas iniciativas cidadás e populares de confluencia política que se recoñezan nos elementos comúns descritos a un espazo de encontro e diálogo onde intercambiar obxectivos e experiencias”.