FRANCISCO MILLÁN MON, CANDIDATO DO PP AO PARLAMENTO EUROPEO

"Apoio a vocación europeísta de Galiza"

"Apoio a vocación europeísta de Galiza"
Millán Mon
Millán Mon  

Francisco José Millán Mon (Pontevedra, 1955) é desde 2004 deputado do Parlamento Europeo polo PP. Licenciado en Dereito pola USC, este diplomático de carreira aspira a recuncar o seu escano en Bruxelas.


Que balance fai para Galiza destes anos de integración na Unión Europea?

O balance é en xeral moi positivo. Desde o ingreso de España na UE, Galiza recibiu máis de 20.000 millóns de euros en concepto de fondos estruturais, un auténtico “Plan Marshall”. Estes fondos permitiron a Galiza modernizar a nosa economía e boa parte das nosas infraestruturas.

Cales son as prioridades de Galiza na UE?

Galiza xógase moito nestas eleccións europeas. Hoxe en día, as decisións que determinan o futuro dos nosos gandeiros, da nosa frota pesqueira, do noso sector industrial ou do noso financiamento non se toman soamente en Santiago e Madrid, senón sobre todo en Bruxelas e Estrasburgo. Por exemplo, como membro da Comisión de Pesca, esta lexislatura traballei polos intereses de todo o sector pesqueiro galego, e da industria transformadora e conserveira. Tamén continuaremos prestando atención prioritaria á implementación do Corredor Atlántico, no que finalmente quedou integrada Galiza. 

Nese sentido, que Europa propoñen desde a súa formación e cal sería o papel de Galiza nela?

Como din os Tratados, a UE é unha unión de Estados e de cidadáns. O Partido Popular Europeo, como principal impulsor da Unión Europea, sempre defendeu unha unión cada vez máis estreita.

Eu apoio a vocación europeísta de Galiza e defendo unha Europa que teña moi presente os intereses e necesidades de Galiza. Na medida en que avance o proceso de integración europea, o papel das rexións con competencias lexislativas debe ser tido máis en conta. Un instrumento básico para iso é o Comité das Rexións, que por certo tamén está reflexionando sobre o seu futuro institucional.

Nesta lexislatura a Xunta foi especialmente activa no Comité das Rexións. A forza de Galiza como primeira rexión pesqueira de Europa quedou demostrada cando en maio de 2018 o Comité aprobou por unanimidade o ditame de Alberto Núñez Feixoo sobre o novo Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro.

O Goberno de Núñez Feixoo defende os intereses de Galiza en Europa por moi distintas vías. A Xunta está en continuo contacto coas institucións europeas; son numerosas as visitas do seu presidente, de conselleiros e de directores xerais a Bruxelas para reunirse con responsábeis comunitarios; por outra banda é fundamental o papel da Fundación Galiza Europa.

A loita contra o declive demográfico é un desafío que estará sempre presente na miña mesa de traballo

Cal será a primeira iniciativa que proporá no Parlamento Europeo?

Como é lóxico, a miña primeira iniciativa dependerá das circunstancias do momento, pero podo adiantar que a negociación do Marcos Financeiro Plurianual para o período 2021-2017 e os seus Regulamentos serán unha cuestión fundamental para Galiza. O Partido Popular Europeo opúxose aos recortes das políticas de cohesión, pesqueira e agraria, porque nin as novas prioridades nin o Brexit deben servir de escusa para desatender as necesidades dos produtores galegos. A loita contra o declive demográfico é un desafío que tamén estará sempre presente na miña mesa de traballo.

A promoción dos Camiños de Santiago no marco europeo será outra das miñas prioridades. A defensa dos dereitos humanos nos países latinoamericanos onde tanta emigración galega hai, como Cuba ou Venezuela, é outra das cuestións de atención prioritaria.

Vostedes non poden intervir no Parlamento en galego porque non é lingua oficial na Wurocámara. En que idioma se comunicará nas súas intervencións?

No hemiciclo falo castelán. Por outra parte, no marco dos traballos do Parlamento e das reunións formais e informais, teño por costume intervir en castelán, inglés ou francés dependendo do foro e dos meus interlocutores.

A propósito do idioma, que poden facer as eurodeputadas e eurodeputados galegos pola lingua desde o Parlamento?

No seo dalgunhas institucións da UE, e no Comité das Rexións, existe a posibilidade de utilizar o galego en certos casos. No Parlamento Europeo hai que ter en conta que a partida orzamentaria dedicada á tradución e interpretación é xa moi elevada, e que a tendencia é a non ampliar, senón a recortar as cifras nesta partida.

Eu son europeísta e como tal penso que a UE é unha historia de éxito

A función e actividade dos partidos e grupos parlamentarios europeos son pouco coñecidas. En cal se integran vostedes e cal é a súa utilidade práctica para as galegas e galegos?

A Eurocámara é un parlamento de grupos, non de solistas. Os eurodeputados do PP temos a sorte de integrarnos no Partido Popular Europeo, o grupo máis importante da hemiciclo. O PPE é o partido con máis capacidade de influencia e de forxar maiorías sólidas; é o partido ao que actualmente pertencen os presidentes da Comisión, do Consello Europeo e do Parlamento. No seo do PPE é máis sinxelo traballar para que os intereses de Galiza coincidan cos intereses de Europa. En contraposición, outros partidos irán a parar a formacións minoritarias que carecerán de capacidade de influencia real na toma de decisións importantes para os galegos.

Nun contexto de ascenso da ultradereita, a Eurocámara aprobou en outubro unha resolución contra o avanzo do neofascismo en Europa e pola ilegalización da Fundación Francisco Franco. Como valora o aumento destas forzas en Europa e a existencia desta fundación?

O ascenso de forzas extremistas e antieuropeas é preocupante. É un fenómeno que afecta ao conxunto da UE e pode debilitar a construción europea. Eu son europeísta e como tal penso que a UE é unha historia de éxito baseada na democracia, a liberdade, o estado de dereito, o respecto polos dereitos humanos e a igualdade. A UE e os seus Estados membros deben traballar para concienciar e educar na tolerancia e no espírito de compromiso e proxectar tamén estes valores no plano internacional.