Após o fiasco das súas predicións en Andalucía, o CIS volta a colocar o PSOE moi por diante

Após o fiasco das súas predicións en Andalucía, o CIS volta a colocar o PSOE moi por diante
O CIS prognostica unha clara maioría para a esquerda
O CIS prognostica unha clara maioría para a esquerda  

Moi cuestionado o método Tezanos pola maioría da profesión demoscópica, os recentes resultados de Andalucía deitan toneladas de escepticismo sobre a capacidade preditiva do instituto público. O barómetro de novembro do CIS, publicado esta cuarta feira, confirmaría tendencias anteriores: un PSOE moi por diante dunha dereita fraccionada que só competiría polo segundo posto. Vox case duplicaría resultados, ao alcanzar 2,5 por cento do voto. En Marea continúa estancada en 0,6 por cento.


Lixeira caída das expectativas do PSOE —pasaría de 31,6 por cento no barómetro de outubro a 31,2 no de novembro—, mais mesmo así firme liderado do partido de Pedro Sánchez, que avantaxaría en 12,1 puntos ao segundo clasificado, o PP de Pablo Casado. O promedio dos inquéritos privados acepta que o PSOE vai por diante, mais coloca a marxe entre os tres ou catro puntos.

Novembro recoloca o PP por diante de Cs na loita pola hexemonía no espazo da dereita, 19,1 fronte a 18,2 por cento. A tendencia do partido aínda hexemónico no Congreso dos Deputados é positiva (sobe 0,9 puntos a respecto de outubro), en tanto que decaen os apoios á formación de Rivera e de maneira moi significativa, cedería até 2,8 puntos sobre o mes pasado.

Canto ao conglomerado da esquerda que encabeza Podemos, en que se acha En Marea, a evolución é positiva, cun chimpo do 17,3 de outubro ao 18,1 deste novembro. Ao salto non colabora a confluencia galega, estancada no 0,6 por cento, dato que xa se dera tamén no barómetro de agosto. En xuño de 2016, a coalición formada por Esquerda Unida, Anova e Podemos obtivo nas urnas 1,44 por cento dos sufraxios no conxunto do estado.

Soberanistas

No mapa do soberanismo, ERC continúa a acrecentar apoios, até se colocar no patamar de 4,8 por cento, 5 décimas máis que en outubro. O correlato é o significativo descenso do PDeCAT, que apenas conseguiría 0,8 (face o 1,4 previo). En Euskal Herria, a esquerda abertzale batería  con clareza o PNV. O prognóstico para EH Bildu é de 1 por cento do voto face un insolitamente baixo 0,7 para o PNV. En outubro, Bildu xa superara o partido de Urkullu, mais apenas por unha décima, 1,1 fronte 1.

O crédito do CIS

Mais inevitabelmente estas predicións do CIS van ser lidas cos óculos do fiasco do seu recente estudo sobre as eleccións andaluzas. A equipa de analistas comandada por José Féliz Tezanos prognosticara para este 2D entre 45 e 47 escanos para o PSOE (ficou en 33) e apenas 1 por Almería para Vox (acadou 12). Si que se aproximou dentro da marxe de erro normal aos resultados de PP, Cs e Adiante Andalucía. Ao PP infravalorouno (predixo 22 e tivo 26), con Cs acertou de pleno (21) e a Adiante Andalucía adxudicoulle tres máis dos que finalmente lle outorgaron as urnas (20 no canto de 17).



x