A aposta de Errejón fai dubidar a Villares; e Pontón insiste: menos Madrid e máis Galiza

A aposta de Errejón fai dubidar a Villares; e Pontón insiste: menos Madrid e máis Galiza
Ana Pontón, no Parlamento esta segunda feira.
Ana Pontón, no Parlamento esta segunda feira.  
O regreso do ex dirixente de Podemos á area política estatal coloca En Marea diante da tesitura de decidir se mantén a súa aposta nunha candidatura de forzas galegas para as xerais de novembro ou acorda con Más Madrid. Ana Pontón resume a visión do Bloque: “Menos Madrid e máis Galiza”.

A xornada en que se convocarán oficialmente as eleccións xerais para dentro de cincuenta días; Eva Solla, coordinadora de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento, presentou a súa candidatura ás primarias da formación que dirixe desde hai seis anos coa ambición de converterse na candidata á Presidencia da Xunta do autodenominado espazo dos comúns nas galegas de 2020. 

A mañá na que Ana Pontón, líder do BNG, resumiu en cinco minutos os 10 anos de “incumprimentos” de Feixoo e noutros cinco a alternativa “de modelo de país” que levarán as nacionalistas ao debate do estado da nación de pasado mañá; Luís Villares topábase na encrucilla de elixir se manterse fiel á oferta realizada o sábado por En Marea para unha confluencia de forzas galegas progresistas ou prestar atención ás posibilidades que abre a entrada de Íñigo Errejón na batalla electoral das xerais.

Hai tres ou catro, ou máis campañas, en marcha, simultáneas. E cada forza estabelece prioridades. O PP e o BNG apuntan ao debate desta cuarta feira. O PSOE tratará de pasar polo debate sen mancarse para seguir forte cara ao 10N. O espazo dos comúns empeza a moverse coa mirada posta nas galegas do 2020. E Villares...

Villares lanzou o sábado unha proposta de coordinación electoral co resto de actores da esquerda galega. O domingo excluíu Podemos, e indirectamente Esquerda Unida. E esta segunda feira topouse coa reaparición de Errejón. 

O chamamento a unha candidatura galega é neste momento para nós unha prioridade. A nosa proposta é a única que está enriba da mesa. Eu penso que iso non é incompatíbel, é complementario, con buscar alianzas con outras forzas doutros territorios cos que compartamos axenda social e cos que poidamos negociar a implementación dunha axenda galega. As dúas cousas son compatíbeis”, dixo Villares nunha rolda de prensa no Parlamento. Non quixo pronunciarse sobre unha alianza electoral con Errejón.

CVillares FocoVillares non fecha ningunha porta, porque o que si definiu con claridade foi a posición desde a que traballa En Marea: “Galiza ten que formar parte da política do Estado e da política de Estado, participar na gobernabilidade do Estado. Porque facendo parte da gobernabilidade do Estado pódense solucionar moitos problemas que non son exclusivos de Galiza”. E puxo como exemplos a lei mordaza, as reformas laborais, a transición ecolóxica, o subdesenvolvemento económico.

O BNG de Ana Pontón afronta o debate de pasado mañá, as eleccións de novembro e as galegas de 2020 cunha consigna clara: menos Madrid e máis Galiza. Interpelada no Parlamento minutos despois da intervención de Villares sobre a presenza de Errejón nas próximas eleccións, a líder nacionalista dixo: “Se Máis Madrid se presenta en Galiza, pareceríame un auténtico disparate. Entre outras cousas, porque se algo precisamos neste país é menos Madrid e máis Galiza”.

Pontón reclamou toda a atención para o debate desta cuarta feira. Explicou que Feixoo tratará de “agochar unha década de sombras na inestabilidade política no Estado”, apuntou que é o último debate sobre a nación desta lexislatura e remarcou o seu carácter “simbólico” como fin de ciclo de Feixoo. 

Ademais, a nacionalista avanzou “o cambio de paradigma” que o BNG intentará empezar a explicar neste debate para mostrar “que hai un modelo alternativo a Feixoo”. Este modelo inclúe un “novo modelo produtivo”, “a blindaxe” dos servizos públicos e reverter as privatizacións, introducir os dereitos das mulleres en toda a axenda pública, alentar políticas contra a emerxencia climática "e fronte ao modelo depredador que asentou o PP", e un maior autogoberno “que reforce a identidade galega diante da globalización”.

Solla concluíu a súa presentación recoñecendo que malia a súa idade -ten 35 anos- e que lle queda seguir aprendendo, cre que poder achegar “grandes elementos de consenso e propostas políticas que dean resposta ás necesidades das galegas e dos galegos”. A data para a presentación de candidaturas ás primarias en Esquerda Unida remata o próximo día 5. Solla é polo momento a única aspirante.