LUÍS VILLARES

"Aqueles que predicaron a unidade do rupturismo agora predican o rupturismo da unidade"

"Aqueles que predicaron a unidade do rupturismo agora predican o rupturismo da unidade"
Un momento do almorzo informativo
Un momento do almorzo informativo  

Cando todo indica que se están a vivir as horas postreiras de En Marea tal e como foi concebida, Luís Villares convocou esta quinta feira os meios para lanzar un apelo á unidade con aroma a penúltimo movimento dunha partida de xadrez cuxo final xa está cantado. O líder orgánico do partido instrumental —que podería deixar de ser portavoz no Pazo do Hórreo descabalgado polos críticos, segundo fontes consultadas por Radio Galicia-SER— dirixiu o seu discurso basicamente a Podemos, a forza arredor da cal gravitan Esquerda Unida e a Anova oficial.


Villares chamou a Podemos Galicia para que se comporte con "responsabilidade" e non contribúa para fracturar de xeito irreversíbel o auto-cualificado como espazo da unidade popular. A ruptura sería unha "torpeza que a cidadanía non entendería", dixo ao tempo que instou o sector crítico a aceptar os resultados das primarias, cuestionados abertamente pola auditoría contratada pola formación liderada por Antón Gómez Reino.

A situación é máis que delicada. Do ponto de vista da pervivencia de En Marea tal e como está actualmente configurada é case terminal, con chamamentos de Podemos a constituír un novo foro rupturista sen presenza dos villaristas e con informacións que apuntan a que o sector crítico se está a plantexar a substitución do xuíz en excedencia como o seu portavoz no Pazo do Hórreo.

Plenamente consciente diso, Villares deixou unha frase que indica até que ponto o único horizonte é o cisma: "Aqueles que predicaron a unidade do rupturismo agora predican o rupturismo da unidade"

A sensación é a de que os distintos actores do drama están a preparar o final da escena da mellor forma para os seus intereses reputacionais, isto é, tentando que sexan os outros os que carguen coa responsabilidade da separación.

En todo caso, Villares fixo un último alegato a prol da unidade. "As chamadas á ruptura son unha chamada ao fracaso. Isto [En Marea] non é un proxecto de fracasos nin de fracasados. Este proxecto ten vocación de hexemonía. Se alguén quer rachar para estar cómodo, mais sen contar con respaldo social, alá eles". E engadiu: "Fago un chamamento á unidade e a non desestabilizar os espazos que son fundamentais para nós. As inscritas decidiron, e agora toca falar de políticas, das solucións que nós artellamos para rematar co desmantelamento dos servizos públicos do país".

Sobre eventuais movimentos no grupo parlamentar —dos outros 13 escanos da confluencia no Pazo do Hórreo só 3 están con el—, Villares apelou quer o "mandato" das inscritas como das e dos eleitores que apañaron a papeleta do partido instrumental nas eleccións de 2016. "Non se me ocorre que vaia haber quen se salte o mandato de votantes e inscritos. E se é así habería que se perguntar a que obedece esa manobra", dixo.