O ministro Arias Cañete reivindica a xestión do goberno español na catástrofe do Prestige

O ministro Arias Cañete reivindica a xestión do goberno español na catástrofe do Prestige
O ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, louba nunha entrevista na televisión pública española as decisións adoptadas polo executivo central durante a catástrofe do Prestige e asegura que desenvolveu unha "operación espectacular" coa limpeza da costa.

O que fora ministro de Agricultura e Pesca co executivo liderado por José María Aznar en 2002, participou esta terza nunha entrevista desenvolvida na canle pública española. Nela foi preguntado pola xestión desenvolvida durante a catástrofe do Prestige polo goberno español. Arias Cañete gabouse das decisións adoptadas naquel momento, afirmando, aliás, que "o goberno non ten a culpa de que un petroleiro se fenda", nunha declaración en que deturpou a toponimia galega facendo referencia ás rías "de El Ferrol e Arosa".

Malia que a plataforma Nunca Máis e múltiples colectivos ecoloxistas veñen denunciando desde o ano 2002 que as decisións adoptadas polo goberno de José María Aznar --e apoiadas pola Xunta de Galiza-- converteron un "accidente marítimo na maior catástrofe ecolóxica", o ministro Arias Cañete asegurou que "a todos os que falaban dunha mala xestión eu pregúntolles en que ría da Galiza quererían vostedes meter o petroleiro?". Segundo Cañete, a decisión de afastar o buque --que foi trasladado durante seis días a diversos puntos do litoral até rematar rachando perto da costa galega--, fora a decisión acaída pois dixo, "de o ter trasladado a unha das rías galegas, a elixida teríase perdido para sempre". No entanto, as voces contrarias á decisión gobernamental apuntaban o traslado do Prestige a un porto refuxio, non a unha ría.

Asemade, Arias Cañete asegurou lembrarse "do que dixeron daquela os ecoloxistas" sobre as consecuencias ecolóxicas da catástrofe cando afirmaban que o ecosistema mariño non se recuperaría en cincuenta anos, e pola contra, dixo, as decisións adoptadas polo executivo español, entre elas a de impedir a pesca no caladoiro galego permitiu que na actualidade a actividade mariñeira sexa óptima. 

Evitando dar resposta á cuestión achegada pola entrevistadora, que procurou en varias ocasións que o ministro expuxese que decisións mudaría após dez anos do acontecido, Arias Cañete afirmou non saber "que decisións mudaría" porén si dixo que tería "dado axudas para que os mariñeiros non sufrisen tanto durante aquel tempo". Asemade, gabouse da "operación espectacular" desenvolvida polo executivo nos traballos de limpeza --obviando que a marea branca formada por milleiros de [email protected], estaba coordinada por si propia en pequenos grupos e non recibía axuda gobernamental, nin na entrega de alimentos.