EVITA A TRAMA GÜRTEL COMO CUESTIÓN DE FONDO

Así afronta o PP galego o 25S

Así afronta o PP galego o 25S
Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda no Parlamento de Galiza.
Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda no Parlamento de Galiza.  

As eleccións ao Parlamento de Galiza adiantáronse ao anunciado outubro e os prazos viraron curtos. O Partido Popular evita o xuízo da Gürtel en campaña con esta data e afronta os comicios, previsibelmente, cunhas listas continuístas, pero aínda sen confirmar.


A data escollida para as eleccións galegas levantou unha eminente polémica entre as forzas opositoras ao goberno de Alberto Núñez Feijóo. O adiantamento de case un mes sobre a data esperada foi unha das causas do descontento da escolla dun día que, sobre o papel, favorece a uns e prexudica a outros: En Marea, sen candidatura, sen listas e recén consolidado como partido instrumental, co que Podemos aínda non fechou a alianza; Ciudadanos coa previsión de que será unha persoa independente a cabeza de cartel e sen unha estrutura ben definida que a apoie; só o BNG ten as súas listas e cabezas de cartel confirmadas. Pero, cal é o estado do Partido Popular?

Feijóo repetirá candidatura á presidencia da Xunta o 25 de setembro, co obxectivo de acadar a súa terceira lexislativa consecutiva. A data escollida fai que se peche definitivamente a opción dun salto á política estatal para presentarse como candidato popular á presidencia española, de teren que realizarse unhas hipotéticas terceiras eleccións, que serían posteriores ás galegas.

Neste punto o estado do Partido Popular de Galicia non é tan diferente ao dos socialistas. Un candidato claro e confirmado e unhas listas aínda sen definir. A salvidade: Os populares non poñen foco nas súas listas electorais que deberán estar presentadas entre o 17 e o 22 de agosto, seguindo os prazos que marca a lei electoral. Dúas semanas por diante para se conformaren as listas e os cabezas de cartel e o PP de Galicia di chegar cos deberes feitos, argumento que emprega para defender o día escollido para os comicios.

Feijóo: “Levamos dúas eleccións xerais consecutivas en sete meses e agora tocan dúas eleccións autonómicas a pouca distancia”

Miguel Tellado, secretario xeral do Partido Popular de Galicia, foi o encargado de defender ao seu partido das críticas e aludindo a que se trata do “trimestre no que había eleccións fixadas dende 2012”. Se ben é un dato certo, o xogo exercido coa variación probábel de 3 meses deu lugar a reflexións entre os seus contrincantes en torno á posibilidade de que esta data estivese posta para o beneficio propio e non por ser a idónea para o pobo galego. Feijóo, na contra, defendeu a idoneidade da xornada escollida, pensando no conxunto do pobo español: “Levamos dúas eleccións xerais consecutivas en sete meses e agora tocan dúas eleccións autonómicas a pouca distancia”. É, precisamente este, outro dos principais motivos de crítica cara a data electoral. A falla de independencia que transluce desta decisión “sometida” á vontade de Urkullu, como apuntaron Ana Pontón e Xaquín Leiceaga ao coñecela.

Os comicios acontecerán previamente ao xuízo da trama Gürtel, no que está a ser investigado o propio Partido Popular

Con todo, este sometemento non contradí os intereses propios do Partido Popular. O 25 de setembro supón que os comicios acontecerán previamente ao xuízo da trama Gürtel, que arrincará o 4 de outubro e no que está a ser investigado o propio Partido Popular, con Ana Mato no punto de mira, como partícipes a título lucrativo.

A perda de representación sería a principal inimiga dos deputados populares á hora de ceder o seu escano

En canto ás listas da formación azul, todo apunta a que serán continuístas. Con trece deputados na Coruña, nove en Lugo, oito en Ourense e 11 en Pontevedra, a perda de representación sería a principal inimiga dos deputados populares á hora de ceder o seu escano, mais en canto aos rangos de importancia os cambios prevense etéreos. Pola provincia da Coruña, Pedro Puy e Miguel Tellado continúan a ter un grande peso funcional no partido. Feijóo e Alfonso Rueda, presidente e vicepresidente do goberno, seguirán a ser número un e dous en Pontevedra. Nada fai prever, tampouco, unha perda de rango de Miguel Santalices, actual presidente do Parlamento de Galiza e número dous por Ourense, sendo a provincia de Lugo a máis susceptíbel a cambios, onde non hai ningunha grande figura do partido.



x