CARA Á CONSTITUCIÓN DUN NOVO REFERENTE

Podemos non recoñece a vitoria de Villares e chama á convocatoria dunha Conferencia de País

Podemos non recoñece a vitoria de Villares e chama á convocatoria dunha Conferencia de País
Antón Gómez-Reino, fotografado no Congreso.
Antón Gómez-Reino, fotografado no Congreso.  Foto: Dani Gago

O cuestionamento das primarias que deron o triunfo ao villarismo fronte á tríade Anova oficial-Podemos-Esquerda Unida non cesa. Esta terza feira, a organización do partido morado na Galiza deu a coñecer a súa auditoría sobre o proceso. Segundo o informe pericial, as fallas do sistema informático permitían "alterar o resultado das votacións", alén de violar a protección dos datos das persoas inscritas. Podemos non recoñece a vitoria de Villares. O fin da confluencia, cada día máis perto.


Podemos encarregou unha auditoría sobre as primarias de En Marea, realizadas os días 22 e 23 de decembro, por entender que estas estaban viciadas polo control do aparato villarista. Todo o proceso estivo desde o primeiro momento inzado de desconfianzas mutuas. As votacións internas estaban inicialmente previstas entre os días 1 e 3 de decembro mais foron suspendidas pola Comisión de Garantías, órgano controlado polos fieis a Villares, ao ter detectado accesos de persoas non autorizadas ao censo informático. O asunto acabou nas mans da Fiscalía.

A principal conclusión da auditoría de Podemos, elaborada pola consultoría Securízame, sería que a plataforma informática utilizada durante as primarias presentaba "graves deficiencias" que permitían a "calquera usuario" do sistema acceder a "datos persoais" do resto de persoas inscritas.

Segundo este informe pericial, as primarias carecían por tanto de suficientes garantías e os seus resultados —vitoria de Coidando a Casa, a lista de Villares, co 60 por cento dos sufraxios— non son confiábeis.

A consultoría contratada por Podemos entende que a empresa á que recorreu a dirección de En Marea para o desenvolvimento das primarias —após relevar das súas funcións a Agora Voting, a plataforma habitualmente empregada pola formación morada nos seus procesos internos— "non ten experiencia suficiente nin cualificación" para garantir a "inalterabilidade das votacións".

Cos resultados da auditoría nas súas mans, o Consello de Coordenación de Podemos-Galicia —e así o explica nunha carta aos seus inscritos— entende que a vitoria de Villares carece de lexitimidade democrática e que, por tanto, os órganos de dirección da confluencia —o Consello da Marea, formado exclusivamente por villaristas— fican inhabilitados politicamente.

"Os responsábeis da fraude teñen que demitir", explicou a Sermos un portavoz de Podemos Galicia. "Non poden continuar nos seus cargos".

Podemos Galicia vai actuar como se En Marea non tivese dirección política, como se as primarias non se tivesen realizado. Isto é, non recoñecen a lexitimidade da nova equipa de dirección de Villares. "Imos abrir un proceso de diálogo aberto a todos, tamén a Villares, sempre e cando previamente asuman as súas responsabilidades aquelas persoas que participaron na deturpación da vontade das bases de En Marea", dixeron a Sermos as fontes da dirección do partido morado.

A pretensión da organización que lidera Antón Gómez-Reino é, como final deste proceso, convocar unha "Conferencia Aberta de País", con toda a fasquía de ser o comezo dun novo referente da "esquerda rupturista". O cisma co villarismo debúxase xa no horizonte. A única dúbida está en saber se a ruptura será nas próximas semanas ou após as municipais de maio.



x