SEN DATAS AÍNDA PARA A REALIZACIÓN DAS PRIMARIAS

A auditoría de EM reflicte entradas non autorizadas no censo mais non proba a alteración dos datos

A auditoría de EM reflicte entradas non autorizadas no censo mais non proba a alteración dos datos
Plenario de En Marea
Plenario de En Marea  

Non é seguro que as primarias se vaian realizar finalmente esta fin de semana. A dirección da confluencia —informou o integrante da Comisión de Garantías Gonzalo Rodríguez en conferencia de imprensa— quer introducir novas medidas de seguranza no sistema. Os resultados das autorías encarregadas pola Comisión de Garantías, xa en mans deste órgano, apuntan a que dous membros do comité electoral, controlado polo sector crítico, si que terían accedido ao censo, a pesar de non teren autorización para o facer. Con todo, non hai indicios de alteración dos datos das persoas inscritas.


O responsábel da custodia do censo das primarias, Gonzalo Rodríguez, compareceu no serán desta segunda feira para dar conta aos meios das conclusións das auditorías encarregadas pola dirección da confluencia en relación ás supostas irregularidades habidas durante o proceso de votación das primarias, axendado para a fin de semana do 1 ao 3 de decembro e que foi suspendido por decisión da Comisión de Garantías da confluencia.

As auditorías conclúen que si houbo accesos indebidos ao censo, sobre o que en teoría só se podía asomar o propio Gonzalo Rodríguez. Fontes do sector crítico relataron días atrás que en efecto integrantes do Comité Electoral consultaron o listado, mais que o fixeron en presenza do seu responsábel. Desde a dirección saínte, de maioría villarista, afírmase que houbo unha intrusión tal que durante 24 horas o encarregado da custodia dos datos non puido acceder a eles. Durante ese período as entradas no sistema teríanse producido sen a supervisión de Rodríguez.

O informe dos auditores constataría, indicou Gonzalo Rodríguez, que "houbo entradas de persoas non autorizadas que verificaron unha serie de fichas". Alén diso, acrecentou, "accedeuse a dados confidenciais e a algún DNI", dixo o membro da Comisión de Garantías, en declaracións recollidas por Europa Press.

En todo caso, as auditorías non detectan a existencia de modificación dos datos. Isto é, en principio a intrusión no listado non tería tido como obxectivo dar altas ou baixas de eleitores no proceso interno. "Non se pode probar que houbese ningunha modificación" do censo, afirmou Rodríguez, quen, porén, enfatizou que os dous integrantes do comité electoral accederon á relación das persoas inscritas "en contra do mandato do plenario, do da Comisión de Garantías e da autorización expresa do responsábel ante a Axencia de Protección de Datos".

A pretensa conculcación das normas internas vai levar a Coordenadora de En Marea —órgano equivalente a unha executiva, de maioría villarista— a demandar a revocación dos dous integrantes do comité electoral que terían accedido sen autorización ao censo.

Visto o visto, o custodio do censo anunciou que a dirección tenciona introducir novas medidas de seguranza que garantan a limpeza do proceso. Isto vai levar un certo tempo, o que deixa no ar a perspectiva de que as primarias se realicen esta próxima fin de semana.



x