Baixas de militantes en CxG para participar na confluencia coas 'mareas'

Baixas de militantes en CxG para participar na confluencia coas 'mareas'
[Imaxe: Compromiso por Galicia]
[Imaxe: Compromiso por Galicia]  

Pérez Bouza, Henrique Monteagudo, Xulia Guntín ou Xosé L. Piñeiro -alcalde da Pobra- entre as persoas que abandonan o partido.


Un grupo de por volta dun cento de militantes de Compromiso por Galicia anunciaron a súa baixa no partido en disconformidade coa decisión adoptada o pasado domingo de concorrer en solitario ás eleccións galegas e non nunha confluencia coa marea. Este grupo de afiliados nucléase no manifesto 'Coa Marea. Por Galicia' e nel hai nomes como o de Pérez Bouza, entre outros.

"Na Convención (...) acentuouse unha viraxe estratéxica e mesmo ideolóxica cara a posicións centristas e propias dun nacionalismo esencialista"

EP sinala que xa se deron baixa cargos como a concelleira nas Pontes Jéssica Fernández Polo ou o alcalde da Pobra do Caramiñal por Nós-Pobra, Xosé L. Piñeiro. En declaracións a Europa Press, Pérez Bouza di que a decisión do domingo foi tomada de forma democrática e participativa, mais que eles non a partillan. Entre as persoas que se deron de baixa e que fan parte do manifesto figuran Paulo Carlos López, Xulia Guntín, Henrique Monteagudo, Xosé Antón López, Denís Fernández Méndez, Pencha Santasmariñas, Iván Marrube ou o escritor Xabier López.

Este grupo non pretende crear outra estrutura organizativa, mais contribuir ao “proceso en marcha” de construción cunha candidatura “ampla e transversal” en torno a En Marea. Para iso, anuncian, integraranse individualmente na confluencia para fortalecer o que din que é camiño que a cidadanía "indica" para "derrotar a dereita".

"Nacionalismo esencialista"

No documento afirman que na Convención do pasado domingo "tomouse non só unha decisión táctica desacertada, senón que tamén se acentuou unha viraxe estratéxica e mesmo ideolóxica cara a posicións centristas e propias dun nacionalismo esencialista, apartándose do espírito e dos documentos fundacionais de Compromiso".