Baltar fai público o seu apoio a Santamaría e racha o mito do voto homoxéneo do PPdeG

Baltar fai público o seu apoio a Santamaría e racha o mito do voto homoxéneo do PPdeG
Baltar e Soraya [Foto: @manuelbaltar]
Baltar e Soraya [Foto: @manuelbaltar]  

Non haberá un voto galego homoxéneo no Congreso que marcará o inicio da era post-Raxoi no PP. Así o veu informando Sermos estes días e así o acaba de confirmar o líder do partido nas comarcas ourensás, Manuel Baltar, quen vén de anunciar o seu apoio a Soraya. Santamaría foi a candidata máis votada nos territorios baltarianos o pasado 5X.


Existen dúbidas máis que razoábeis a respecto de se o PPdeG fará finalmente unha indicación de voto ao conxunto dos seus 279 delegados ao congreso estatal desta fin de semana. A teoría oficial foi mudando co paso dos días e agora ninguén na contorna da dirección do partido é quen de garantir que finalmente Feixóo sinalará a súa preferencia entre Casado e Santamaría.

 

A evidencia de que o PPdeG está lonxe da unanimidade —e o feito de que non existe ningunha garantía de vitoria final, dado o apertado do duelo— aconsellarían neste momento o aparato feixoniano a manter a neutralidade até final. No mundo dos acenos, porén, si que é evidente que o corazón de Monte Pío latexa máis forte coa invocación de Casado do que coa cercanía de Soraya. Basta ver a distinta escenografía dos actos do PPdeG con eles: Casado tivo o mesmo palco que Feixóo ao anunciar a súa retirada da carreira sucesoria —os xardíns dun coñecido hotel compostelán—, en tanto que a ex vicepresidenta foi relegada a un auditorio máis convencional, un escenario de Abanca en Pontevedra.

 

Pois ben, quen non se ten recatado en absoluto á hora de mostrar a súa aposta é Manuel Baltar, o líder do PPdeOU, chefe indiscutido da formación conservadora en Ourense. Utilizou a súa conta twitter para anunciar o seu respaldo a Santamaría, quen lle respondeu agarimosamente. Baltar —quen oferece a Soraya, en bandexa de prata, os seus 73 delegados— non é o primeiro dirixente galego significativo que se posiciona a prol da ex vicepresidenta. Tamén o fixo o portavoz do PP no Senado, o lugués Xosé Manuel Barreiro. Unha nova demostración de que Feixóo está moi lonxe de controlar os distintos territorios do PPdeG.

 

 

 

 

 

 



x