Baltar reduce a un terzo a axuda da Deputación á RAG

Baltar reduce a un terzo a axuda da Deputación á RAG
[Imaxe: Dep. Ourense] Baltar, o pasado 20 de xullo, na XI Festa da Palabra.
[Imaxe: Dep. Ourense] Baltar, o pasado 20 de xullo, na XI Festa da Palabra.  
O orzamento da entidade provincial ourensá rebaixa a 10.000 euros a achega para a Academia mentres subvenciona a Fundación Ínsua dos Poetas con 50.000 euros.

O popular Xosé Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, reducirá a axuda que o organismo proporcionará o ano próximo á Real Academia Galega (RAG) a 10.000 euros, segundo os orzamentos presentados esta semana aos grupos da oposición e que serán discutidos e (previsibelmente) aprobados no pleno do día 27.

Segundo puido coñecer Sermos Galiza, Baltar, que se mantén no goberno da Deputación grazas ao apoio de Democracia Orensana a cambio da alcaldía da cidade de Ourense, decidiu rebaixar en dous terzos a axuda de 30.000 euros que nos últimos anos viña prestando a Deputación á RAG.

Nos mesmos orzamentos, a Fundación Ínsua dos Poetas recibe 50.000 euros en dúas partidas. E o PEN Club Galicia, 15.000. A fundación, que se dedica a manter un parque escultórico no concello do Carballiño e a organizar cada verán a Festa da Palabra, e o PEN galego comparten presidente: Luís González Tosar, cuxa función no universo Baltar é proporcionar unha pátina de galeguismo cultural ao mecenas.

As subvencións nestes casos non se reducen respecto ao 2019. Tampouco no da Fundación Otero Pedrayo.  

A entidade de Trasalba (Amoeiro) recibirá máis ca RAG: 40.000 euros, máis outra axuda de 3.000 para o premio Otero Pedrayo. A Coral de Ruada conserva 30.000 euros de subvención. E a RAG tamén quedará por baixo este ano entre outras, da Fundación Festa da Historia de Ribadavia, 15.000 euros.

A Fundación Curros Enríquez en Celanova e a Fundación Carlos Casares, con sede en Vigo, levan 30.000 euros cada unha. No último caso cunha rebaixa de 7.000 euros. A rebaixa respecto ao 2019 tamén afecta a un premio que concede a propia Deputación, o Premio Ourensanía, que en 2018 se entregou no Uruguai e na Arxentina dado que as entidades premiadas estaban neses países. Pasa dos 30.000 euros aos 5.000.

A decisión de Baltar de reducir a achega á Academia prodúcese ao mesmo tempo que no ámbito cultural ourensán é patente o malestar co novo goberno municipal, no que o PP e Democracia Orensana son socios, polos recortes á promoción cultural que continúa a política iniciada polo anterior goberno do PP con Xesús Vázquez (hoxe senador) á cabeza.

A RAG sostense coas subvencións da Xunta e do Ministerio de Cultura, e axudas máis modestas das deputacións e do Concello da Coruña, onde ten a sede. A Deputación da Coruña aprobou este ano un incremento para chegar até os 60.000 euros. A de Pontevedra concedera 28.000 euros e a de Lugo, 9.000 no 2018.

Segundo a memoria que acompaña ao proxecto de orzamentos de Baltar, os gastos previstos en cultura –nos que se inclúen “os da biblioteca, o museo artesán de música, edicións e publicacións, a banda de gaitas, as agrupacións corais e musicais, o fomento de actividades culturais e recreativas, a Ínsua dos Poetas, o patrimonio histórico, o Teatro Principal, o Pazo de Vilamarín, o Centro Cultural e promoción do galego” – supoñen 4,5 millóns de euros.