Bará chama "acomplexada" á Xunta por se referir ao país como "territorio"

Bará chama "acomplexada" á Xunta por se referir ao país como "territorio"
Luís Bará
Luís Bará  
Somos unha nación para a web do Ministerio de Cultura da República francesa e para o Festival de Lorient. Mais somos un "territorio convidado" para a Xunta. O parlamentar do BNG Luís Bará ve nesta asimetría unha "visión acomplexada" do goberno galego.

Que a Xunta rebaixe a "territorio" a categoría de nación que lle outorgou a Galiza o Festival de Lorient responde a un "eufemismo" cun "tufo franquista", considera Bará.

O parlamentar lamenta que o goberno galego careza de calquera interese por reforzar os vínculos de Galiza co resto das chamadas nacións celtas. Ao seu xuízo, o país debería ter unha especial relación con Irlanda, Escocia, Gales, Cornualles ou Bretaña.

A "conexión atlántica" debería ser prioritaria se a Xunta tivese unha "política exterior merecente de tal nome", O que hai no seu canto é "unha acción raquítica, acomplexada e dependente" do Goberno central.

Critica tamén Bará a falta de apoio da Administración galega ás seleccións nacionais que tomaron parte recentemente no mundial de fútbol gaélico, evento en que a equipa feminina obtivo a terceira praza.

"Tanto a cultura como o deporte son dous piares fundamentais para a promoción internacional da identidade e da imaxe de Galiza, que a Xunta do PP ignora, maltrata e devalúa”, considera o deputado.

O BNG, avanzou Bará, respalda a concentración convocada este sábado en Lorient polo independentismo bretón para defender o carácter nacional da Galiza.