A barbarie machista sacode a campaña

A barbarie machista sacode a campaña
Concentración de repulsa polo asasinato
Concentración de repulsa polo asasinato  

O asasinato dunha muller nun hospital público de Ourense é un episodio dunha gravidade extrema e mostra até que ponto nos enfrentamos cun monstro que vive entre nós e que é quen de nos golpear con brutal saña no momento máis inagardado.



A barbarie machista, a manifestación máis salvaxe e extrema do patriarcado, aparece nos meios e nos parlamentos de forma periódica, con cada asasinato, mais obxectivamente é un asunto que non está no top dos temas que vertebran o debate público.

Desde o seu nacimento, Sermos Galiza incorporou á súa liña editorial a causa feminista, porque sen apelar a ela de forma directa e desacomplexada non é posíbel superar o patriarcado, unha estrutura de dominación da que a violencia machista é a expresión máis extrema.

A noticia do brutal asasinato de María Isabel Fuentes causoume estupefacción e indignación. Como é posíbel que non exista un protocolo de seguranza que evite o asasinato nun hospital público dunha muller que xa fora vítima da violencia machista? Por que non se adoptaron medidas cautelares? De verdade é conditio sine qua non que exista unha denuncia cando todas sabemos que moitas mulleres non denuncian por pánico aos seus agresores? Non existían neste caso indicios abondo para dispor meios de protección que terían salvado a vida a María Isabel? Que ten que dicer a Consellaría de Sanidade e o Ministerio de Interior?

 Como é posíbel que non exista un protocolo de seguranza que evite o asasinato nun hospital público dunha muller que xa fora vítima da violencia machista?

Fan falta respostas e fai falta falar deste asunto no debate público. Este tema é o tema. Non podemos conviver con cifras espeluznantes de mulleres asasinadas. Cantos plenos monográficos se teñen dedicado á violencia machista nos Parlamentos, estatal e galego? Cantas declaracións dos presidentes dos gobernos ten habido? Que programas públicos se teñen promovido nos últimos anos para combater a barbarie machista? Que meios se teñen posto a disposición para salvar vidas? Que se lles di ás crianzas nas escolas sobre o que significa o patriarcado e a milenaria opresión das mulleres?

O asasinato abalou a campaña. Acertou o BNG ao suspender os actos do día, outras forzas da esquerda tamén mostraron a súa repulsa. Non podemos naturalizar o que é aberrante. Non abonda con condenas rituais. Hai que pór este asunto na axenda pública como o que é, unha das grandes materias pendentes da nosa civilización, e hai que pór sobre a mesa políticas, orzamentos e meios, e hai que promover outra cultura, feminista, inclusiva, anti-patriarcal.

Non vale fuxir das responsabilidades: o partido que ten a maioría parlamentar no Hórreo e nas Cortes Xerais do Estado ten de explicar por que fallan os protocolos de seguranza e por que se pode asasinar unha muller mentres está internada nun hospital público. E débeo facer xa.