Bases de En Marea chaman a non participar na “consulta ilexítima!” sobre Paula Quinteiro

Bases de En Marea chaman a non participar na “consulta ilexítima!” sobre Paula Quinteiro
Paula Quinteiro. Deputada de En Marea.
Paula Quinteiro. Deputada de En Marea.  Foto: X.M.

O manifesto ‘Coidando a unidade’ considera que “a activación dunha consulta ás bases por parte da Coordinadora de En Marea non é un procedemento estatutario aplicábel neste caso, carece de todas as garantías e só tensiona o espazo político común”.

 


Medio cento de militantes e persoas próximas ao espazo políticos das mareas veñen de impulsar un manifesto, ‘Coidando a unidade’, no que fan un chamamento a “non participar” na consulta activada por En Marea sobre a deputada Paula Quinteiro e que decorrerá o 22 deste mes.

                       

As persoas que subscriben este manifesto, aberto a apoios e adscricións, afirman que “a activación dunha consulta ás bases por parte da Coordinadora de En Marea non é un procedemento estatutario aplicábel neste caso, carece de todas as garantías e só tensiona o espazo político común. Esta consulta deixa en suspenso os valores democráticos fundamentais do noso espazo político e vulnera os documentos organizativos e o Código Ético de En Marea”.

Afirman non entender que se proceda á “activación de mecanismos inéditos que non constitúen as fórmulas de control democrático  que nos demos entre todas”, senón “mecanismos plebiscitarios […] que só contribúen a un linchamento político e mediático”.

Consideran que o caso de Paula Quinteiro responde a una “campaña de acoso e derrubo” do PP e os “seus meios acólitos” contra “una das nosas”, en referencia á parlamentar. Unha campaña que, consideran, parte de que “a presenza das de abaixo nas institucións deseñadas por eles e para eles sempre os incomodou”.

Por iso, indican, “non podemos caer na trampa e deixar que as elites e os medios dos de arriba nos marquen a axenda e o discurso, delimitando a barreira do que é ético”. De aí que afirman que non poden partillar “ese sinalamento mediático, esa retroalimentación dunha máquina do fango que só quere destruír os espazos do cambio”.

Entre as persoas asinantes hai activistas e militantes de Marea Atlántica, Compostela Aberta, Son de Teo, Marea de Ribeira, Marea de Vigo, Ourense en Común, [email protected] por As Pontes, Iniciativa Cidadá de Mugardos, Ferrol en Común, entre outras.