AS ELECCIÓNS A OLLOS DE... MIGUEL ANXO BASTOS BOUBETA

"Estas eleccións están marcadas por unha campaña moi españolista"

"Estas eleccións están marcadas por unha campaña moi españolista"

Miguel Anxo Bastos Boubeta é polítologo, economista e profesor na Facultade de Ciencias Políticas e Ciencias da Comunicación da USC.


Os comicios do 28A están caracterizados "pola existencia dunha campaña moi españolista”, así o considera o politólogo Miguel Anxo Bastos, quen bota en falta neste espazo o debate de políticas galegas por parte dos candidatos ao Congreso.

A cuestión da AP9, a construción de sectores produtivos galegos, os problemas demográficos de Galiza e as pensións son algunhas das materias que deberían de ter discusión de cara ás eleccións. Algo que non acontece porque “todas as axendas están vindo de Madrid, mesmo a daqueles partidos cuxas visións son máis nacionalistas”, explica.

Preguntado por que se xoga Galiza nestes comicios, o politólogo aclara que as chaves políticas galegas variarán segundo os partidos que formen goberno. A isto tamén contribuirá o resultado que acaden as agrupacións galegas, xa que que estas consigan representación “podería mudar o ecosistema político e crear novos espazos e realiñamentos políticos”.

Bastos amosa as súas dúbidas ao respecto de cales serán os resultados electorais, porén si asegura que terán consecuencias a nivel galego para os partidos tradicionais. Que o PP sexa o partido máis votado “debilitaría a Casado polas presións para que Feixoo se vaia a Madrid”, e un bo resultado do PSOE “reforzaría o liderato de Gonzalo Caballero no PSdeG”.