ANÁLISE

A batalla polas deputacións

A batalla polas deputacións
Pleno da Deputación da Coruña
Pleno da Deputación da Coruña  

O 26 de maio, ao mesmo tempo que se renova a composición das corporacións, a cidadanía escolle os gobernos das catro deputacións galegas. Achegamos, nesta ocasión, un percorrido á vista de paxaro polos diferentes escenarios de confronto para a conformación dunhas institucións que teñen xogado un papel decisivo no ecosistema político.


mini_6O goberno da Deputación da Coruña está no aire. Malia a actual composición da corporación provincial, que deixou o PP moi lonxe da maioría ao sumar só trece deputados fronte aos oito do PSOE, os cinco do BNG, os tres da Marea Atlántica e os únicos representante de Compostela Aberta e de Alternativa dos Veciños, o caprichoso xogo de forzas dos partidos xudiciais deixa aberta a porta a calquera escenario.

Se ben as sondaxes internas manexadas por populares e socialistas decántanse nos últimos meses por un goberno alternativo ao PP, dado que este partido non suma a maioría necesaria e fica moi perto da súa actual representación, fontes das organizacións políticas que fan parte actualmente do executivo provincial non teñen claro o resultado. As dúbidas xorden fundamentalmente polas dificultades para calibrar o impacto de Vox e Ciudadanos nas áreas de Compostela, Ferrol e A Coruña e analizar se os seus resultados se concretarían en actas provinciais.

Os principais movementos de escanos daríanse naqueles partidos xudiciais onde se elixen máis deputadas e deputados. Aínda así, non fican fóra do baile as circunscricións máis pequenas, comezando por Corcubión, onde nesta ocasión se escollerá un só representante –o que provocaría a perda dunha acta provincial para o BNG–, e tamén en Noia, onde é probábel a entrada dun socialista nun partido xudicial até agora repartido entre populares e nacionalistas. Mentres o PP dá por descontado un fracaso na Coruña e en Compostela, centrando as súas esperanzas en Ferrol, os socialistas agardan mellorar as súas posicións na totalidade das cidades, a conta das autodenominadas candidaturas de unidade popular que actualmente ostentan o goberno das mesmas. A outro tanto aspiran os nacionalistas, cuxa posición ficou moi debilitada no partido xudicial da Coruña en 2015, até o punto de perder o representante na deputación que nesta ocasión a práctica totalidade das enquisas dá por seguro.

Lugo, unha composición semellante

O PP pelexará por recuperar a Deputación de Lugo. A maioría dos prognósticos auguran a repetición dunha composición semellante na corporación provincial, mais os dirixentes do PP aspiran a recuperar ese deputado que os separou na actual lexislatura da maioría absoluta. O aparato dos populares aférrase, para que lle saian as contas, a abrir a porta a unha baixada dos socialistas na cidade das murallas e a un aumento da representación no partido xudicial da Ulloa, como consecuencia do retorno ao partido do actual alcalde de Chantada, Manuel Varela, que gobernou esa vila nos últimos catro anos con maioría absoluta. As posibilidades dese xiro na Ulloa semellan moi complicadas, xa que obrigaría o PP ao aumentar nun terzo a súa porcentaxe de voto, ampliando a súa votación en máis de tres mil sufraxios. Outro tanto acontece en Lugo, onde os populares retiveron o seu último deputado por só unhas ducias de votos, en dura competencia con Lugonovo, sendo moi probábel que o PP sexa un dos grandes damnificados da noite electoral na cidade.

As pobres expectativas do PP teñen provocado varios movementos internos. O máis relevante , a renuncia do delegado da Xunta de Galiza en Lugo, Xosé Manuel Balseiro, a competir pola presidencia da deputación, deixándolle o camiño aberto a súa noutrora protexida Elena Candia. O PSOE, que xa designou como candidato a dirixir a corporación provincial o actual presidente Darío Campos, aspira a sumar co BNG, consciente do deterioro sufrido na súa imaxe como consecuencia da xestión destes últimos catro anos e do conflito aberto con Manuel Martínez.

Os nacionalistas agardan aumentar a súa representación polo partido xudicial de Lugo, favorecidos pola suba que lles outorgan a totalidade das enquisas na cidade. Non se agardan mudanzas naqueles partidos xudiciais dun ou dous deputados, como na Fonsagrada, Vilalba, Monforte e Chantada, onde os populares suman actualmente tres deputados e os socialistas catro. Descartada a entrada na corporación provincial de Lugonovo, ACE e Podemos, que concorren pos separado na cidade, está por ver as posibilidades de Ciudadanos, encabezada de novo pola súa portavoz na Galiza Olga Louzao.

[Podes ler a análise íntegra no número 345 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]