Bea Mato pide gobernar por ser a lista máis votada, o que condenaría o PP en Madrid

Bea Mato pide gobernar por ser a lista máis votada, o que condenaría o PP en Madrid
Bea Mato
Bea Mato  

O PPdeG —Beatriz Mato esta segunda feira a reiterar a mensaxe deste domingo de Alfonso Rueda—continúa a enarborar a bandeira de que a lista máis votada debe traducirse automaticamente no acceso á alcaldía. Esa teoría rexía en todo o planeta PP até hai ben pouco. Mais xa non: de se aplicar a receita, o PP non conseguiría o poder nin no concello nin na comunidade autónoma de Madrid.


A teoría segundo a cal as alcaldías deben ir á forza máis votada bate con dous problemas. Primeiro, nas eleccións non se elixe alcaldesa ou alcalde, senón concelleiras e son estas as que, nunha segunda quenda, reparten o bastón de mando, en función de quen reúne máis apoios no salón de plenos. Segundo, non sempre os intereses dos partidos son territorialmente converxentes, isto é, pode acontecer, e así ocorre neste caso, que o que vale para Galiza non valla para Madrid ou para Barcelona. Por aí renxe a coherencia deste aspecto da doutrina conservadora.

En todo caso, inasequíbel ao desalento, o número dous do PPdeG, Alfonso Rueda, defendeu este domingo, nunha entrevista en Radio Galicia-SER, a modificación da lexislación electoral para automaticamente outorgar a alcaldía a candidatura máis votada, con independencia de que sexa a maioritaria ou non no seo da corporación municipal. Na mesma lonxitude de onda emitiu o seu discurso esta segunda feira Beatriz Mato, quen, a pesar de ter empatado en número de actas con Inés Rey (PSdeG), ultrapasou a lista do PSOE por apenas 400 votos.

"Como gañadora das eleccións, miña responsabilidade é formar goberno", dixo Mato esta segunda feira na TVG. O que non dixo é que ese escenario non depende dela. Segundo a lei, a dirixente conservadora só accedería á alcaldía se Inés Rey non consegue os apoios á súa investidura por parte da Marea Atlántica (os 6 votos da confluencia son imprescindíbeis). Ninguén nos ambientes políticos próximos á marca liderada por Xulio Ferreiro concede o menor crédito a esa posibilidade. O debate non está en se investir ou non Rey como alcaldesa, senón en negociar ou non a entrada nun goberno bipartito.