ANOVA CONCORRE CON UP NALGÚNS CONCELLOS

Beiras acusa cadros políticos de Unidas Podemos de seren “nova casta”

Beiras acusa cadros políticos de Unidas Podemos de seren “nova casta”

A pesar de que Anova concorre en varios concellos da Galiza baixo o paraugas de Son En Común, xunto Podemos e Esquerda Unida, Xosé Manuel Beiras cargou na tarde da quinta feira contra “cadros políticos” de Unidas Podemos que “están configurando unha nova casta”.


Durante a presentación do seu último libro na Coruña, Xosé Manuel Beiras criticou dirixentes de Unidas Podemos, coalición da que forman parte Podemos e Esquerda Unida, por configuraren, ao ser ver, “unha nova casta”.

O economista puxo de manifesto que “hai cadros políticos que predicaban aquilo da casta e que había que acabar coa casta e que están a configurar unha nova casta”.

Beiras, que foi portavoz da extinta AGE –coalición de Anova e Esquerda Unida– no Parlamento de Galiza con Yolanda Díaz, unha das máximas referentes de Unidas Podemos, como vicepresidenta, xa cargara após as eleccións xerais e logo da reunión en que o grupo parlamentar de En Marea acordou iniciar os trámites para relevar Luís Villares como portavoz único contra os “dirixentes de UP”, cun chío na súa conta de Twitter: “a avaricia rompe o saco e polo buraco vaise, ademais do diñeiro, o valor da dignidade”.

 

Non é a primeira vez que o ex portavoz nacional de Anova se amosa crítico co partido de Pablo Iglesias, quen publicamente ten declarado que “sen Beiras seguramente non tería sido posíbel Podemos”. O propio Iglesias fora asesor de AGE na campaña de outubro de 2012 e de AGE bebeu directamente Podemos até chegar ao Hórreo da man da propia Anova e de Esquerda Unida.

Por outra banda, o veterano político asegurou que tanto Anova coma el dialogaron “até última hora” para que se garantise a coalición que no seu momento deu lugar a En Marea. “Non son nada responsábel de que se fixese todo o contrario en certo momento”, sinalou a respecto.

En relación ao contexto que vive En Marea, Beiras destacou que “non se pode predicar fraternidade e exercer o fraticidio”.

Anova concorre con Podemos e EU ás municipais

Nas citadas declaracións sobre dirixentes de Podemos e Esquerda Unida, Beiras distinguiu entre as organizacións e “os cadros políticos”. De feito, Anova concorre nunha trintena de concellos ás eleccións municipais con Son En Común, o paraugas baixo o que se presenta con Podemos e EU.