ASEMBLEA EN MAREA

Beiras asume que En Marea non irá como partido e fía o grupo parlamentar a gañar a maioría no Congreso

Beiras asume que En Marea non irá como partido e fía o grupo parlamentar a gañar a maioría no Congreso
[Imaxe: @enmarea]
[Imaxe: @enmarea]  

Do apuntado por Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova, en declaracións aos medios durante a asemblea de En Marea, dedúcese que asume as teses de Podemos e de IU e que a plataforma irá ás eleccións xerais como coligazón e non como partido.


Preguntado polos medios sobre as diferenzas entre Podemos, IU e Anova a respeito da fórmula xurídica de En Marea e após nas últimas semanas enarborar a bandeira en defensa dun partido instrumental, Beiras quitoulle importancia este domingo ao feito e sinalou que “quen deseña as regras do xogo é o poder que, precisamente, a esquerda rupturista combate”.

Engadiu que un “partido normal” sabe desde o principio que vai concorrer ás eleccións como tal partido “e sóbralle tempo” para o facer. Porén, advertiu de que os procesos das confluencias “sempre son complicadas” pola diversidade das forzas que fan parte delas. Admitiu que se pode sacrificar “todo a dar o salto de forzar unha fórmula técnico xurídica que te blinde por un lado” pero ese sacrificio “pode impedir que realmente se realice os acordos en termos axeitados para que sexa asumido como foi asumido nos nosos discursos”.

"A ver quen é o guapo nas Cortes que o retorce [o grupo parlamentar] porque, para comezar, a composición da Mesa será diferente”

Destas palabras, dedúcese que Beiras asume as teses de Podemos e IU e, en consecuencia, asume tamén que En Marea non concorrerá ás eleccións de xuño como partido. Aliás, fiou a constitución dun grupo parlamentar propio a conseguir a maioría no Congreso. Así, aludiu á “bóla de neve” que “indican as enquisas” e á posibilidade de que a coligazón “reduplique” os resultados. “A ver quen é o guapo nas Cortes que o retorce porque, para comezar, a composición da Mesa será diferente”.

A respeito da súa relación coa coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, após acusala de tratar de excluílo, Beiras afirmou que “non fago amor na política. Fago simplemente política”.

Carmen Santos (Podemos): "Ás veces, esaxéranse algunhas cousas que temos que concretar, non hai ningún risco de ruptura"

Doutra banda, as intervencións da propia Díaz e de Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos na Galiza, tiveron a ver coas expectativas electorais. Ambas as dúas prognosticaron un aumento de apoios en En Marea. Aliás, Carmen Santos desbotou calquera “risco de ruptura” por parte de Anova: “Ás veces, esaxéranse algunhas cousas que temos que concretar, non hai ningún risco de ruptura”.

Na Asemblea, acordouse -e así se fixo- enviar unha carta a PSdeG e BNG para constituír unha "mesa" de diálogo co obxectivo de derrotar Feijóo. A creación desta canle de comunicación xa fora avanzada na xornada da mañá por Carolina Bescansa, dirixente de Podemos.