Beiras, nun acto político de En Marea: “Hai que convivir e unirse”

Beiras, nun acto político de En Marea: “Hai que convivir e unirse”
[Imaxe: En Marea] Acto da coligazón en Vilalba
[Imaxe: En Marea] Acto da coligazón en Vilalba  

O veterano político participou na mañá do sábado en Vilalba nun acto político de En Marea no que tamén tomou a palabra Miguel Anxo Fernán Vello, quen reivindicou o traballo realizado pola coligazón nestes cinco meses no Congreso.


O portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, interveu na mañá do sábado nun acto político de En Marea en Vilalba no que se comprometeu a “apoiar e contribuír até o límite das miñas forzas” a coligazón. Sinalou que Galiza é “unha nación sometida” e “un conxunto plural de masas traballadoras agredidas é o motor de autodefensa”. Apelou entón a “convivir e unirse”.

“A unión non é líquida, temos que seguir articulándonos”, afirmou, cando as súas discrepancias coa coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, son cada vez máis evidentes. “Esta marea combinada coa que se artella no conxunto do Estado será a que nos fará respirar de novo”, engadiu.

Fernán Vello reivindica o traballo de En Marea-Podemos

Tamén participou do acto Miguel Anxo Fernán Vello, número 1 por Lugo, quen cargou contra os que “faltan á verdade” e “negan a realidade do traballo realizado, con tanta presenza”, en alusión ao labor de En Marea-Podemos no Congreso. “Nunca Galiza en tan pouco tempo tivo tanta presenza e recoñecemento”, salientou a raíz das críticas que xurdiron polo nivel de actividade parlamentar do grupo confederal de Podemos nos que se inseriron os deputados e deputadas de En Marea. Porén, o cabeza de lista por Lugo quixo recoñecer expresamente o “traballo político histórico realizado polos representantes do BNG nestes últimos 20 anos”.

No acto de Vilalba tamén tomou a palabra Lidia Senra, europarlamentar de AGE, quen censurou as políticas de PP e PSOE que “atacan a democracia e a soberanía”. “Priorizan os intereses dos poderosos mesmo á nosa saúde”, denunciou, e finalizou chamando a plantar cara á “débeda inmoral, inxusta e odiosa”. “O Goberno que saia ten que impagala, porque é impagábel”.