“GARANTÍA DE QUE NON HABERÁ BLOQUEO”

Bescansa presenta a súa candidatura sen apenas referencias a Galiza

Bescansa presenta a súa candidatura sen apenas referencias a Galiza
Carolina Bescansa. Foto: cedida.
Carolina Bescansa. Foto: cedida.  
A ex deputada de Podemos Carolina Bescansa, candidata pola Coruña do proxecto político de Íñigo Errejón, presentou este 12 de outubro a súa candidatura na Illa de Arousa. Mais a mensaxe principal que transmitiu apenas se referiu a Galiza e dedicouna a enxalzar Más País “como a única ferramenta capaz de garantir que non haxa bloqueo logo das eleccións”.

Na Galiza, os de Errejón só optan a escanos pola Coruña e por Pontevedra. Bescansa apelou a que a súa proposta é a que posibilitará que “non se abra unha formación dun goberno reaccionario”. Falou do “despropósito” dos últimos meses, en referencia ás negociacións fallidas entre o PSOE e Podemos -o seu antigo partido- para formar goberno.

Carolina Bescansa definiu a súa lista como a de “xente comprometida cunha longa tradición de traballo polos dereitos da xente” e prometeu que intentarán “pór en marcha unha transformación do modelo produtivo e do mercado de traballo co ecoloxismo como eixe” para así “pechar a ferida social”. Desde que anunciou o seu novo partido, Errejón insiste na vía ecoloxista, que coincide coas cada vez máis numerosas protestas contra a inacción política contra o cambio climático.

Preguntada polas expectativas da candidatura, afirmou que “o sentido común vai levar ás institucións aquelas persoas comprometidas con non usar o apoio electoral para bloquear, senón para construír”.