Bescansa ve posíbel ir a “terceiras eleccións” tras o debate

Bescansa ve posíbel ir a “terceiras eleccións” tras o debate
A candidata de Más País ao Congreso pola Coruña, Carolina Bescansa [Imaxe: Europa Press]
A candidata de Más País ao Congreso pola Coruña, Carolina Bescansa [Imaxe: Europa Press]  
A candidata de Más País ao Congreso pola circunscrición da Coruña, Carolina Bescansa, e o candidato por Pontevedra, Daniel Liceras, presentaron un decálogo de medidas para Galiza. Bescansa afirmou que ve posíbel ir a "terceiras eleccións" se non muda o voto da poboación.

A cabeza de lista de Más País- Equo ao Congreso pola circunscrición da Coruña, Carolina Bescansa, advertiu esta segunda feira que son posíbeis unhas “terceiras eleccións”, se os resultados dos comicios son similares aos de abril e tras o bloqueo amosado entre os líderes dos partidos durante o debate. Preguntada nunha rolda de prensa afirmou que se o voto da poboación non muda “as cousas non cambiarán”. Bescansa a coalición liderada por Íñigo Errejón como a única forza capaz de construír pontes entre o PSOE e Unidas-Podemos.

Interpelada sobre as expectativas de Más País para obter representación polas únicas circunscricións galegas polas que se presenta, A Coruña e Pontevedra, e nas que os sondaxes non lle conceden representación Bescansa valorou que “o denominador común dos estudos é que hai un 20 ou 30 por cento” de persoas indecisas. Nese contexto fixo un chamamento ás votantes para que opten por unha formación “diferente” que permita un Goberno de “progreso e de cambio”.

As propostas de Más País para Galiza

A cabeza de lista pola Coruña, xunto ao número un por Pontevedra Daniel Liceras, presentou ademais dez propostas “urxentes” da súa formación para Galiza. Entre elas, a transferencia e gratuidade inmediata da AP-9, a creación dunha “oficina anticorrupción sanitaria” que vele polos “procesos de contratación”, un pacto de Estado para poñer fin ás gardas de 24 horas, un “plan integral de acompañamento da industria galega”,  unha “empresa pública de minaría sostíbel” ou “unha planificación da xestión forestal”.