Besteiro non desbota integrar a Pachi Vázquez nunha lista única para as primarias do PSdG

Besteiro non desbota integrar a Pachi Vázquez nunha lista única para as primarias do PSdG
Gómes Besteiro nunha imaxe de arquivo [SG]
Gómes Besteiro nunha imaxe de arquivo [SG]  
O presidente da deputación de Lugo e candidato a secretario xeral defende un proxecto "plenamente galeguista" para o partido


José Ramón Gómez Besteiro, presidente da deputación de Lugo e até o de agora único candidato confirmado para concorrer á secretaría xeral do PSdG-PSOE nas primarias que a formación política realizará o vindeiro 1 de xuño, defendeu un proxecto "plenamente galeguista" para o partido.

Fíxoo esta sexta feira nunha entrevista concedida á Radio galega en que recoñeceu que "hai persoas que me animaron a me presentar" e que fixo pública a súa ansia de substituír a Pachi Vázquez no Comité nacional, máximo órgano entre congresos, "porque os compañeiros son os primeiros que deben enterarse".

Besteiro insistíu na necesidade dun "liderado partillado" e, malia subliñar que "iso cómpre preguntarllo a el", non desbotou unha única lista consensuada co ex alcalde do Carballiño de cara á consulta. Ao fío, acrecentou que "hai que traballar para que a maior parte dos socialistas se sintan integrados". O secretario provincial do PSdG en Lugo defendeu as primarias, "a consulta", ao entender que a militancia "non só ten o dereito senón tamén o deber de se expresar".

Ao lle preguntar pola supresión das deputacións, quen preside a de Lugo riu e sinalou que "namentres existen e non se mude a Constitución" débese garantir que funcione "con total transparencia" e "cun interese unicamente local" para que sexan percibidas como un goberno "útil".