80º CABODANO DO LEVANTAMENTO FASCISTA

O Bloque defende unha Lei de memoria histórica galega

O Bloque defende unha Lei de memoria histórica galega
[Imaxes BNG]
[Imaxes BNG]  

No 80 cabodano do levantamento fascista a portavoz nacional do BNG participou nun acto de homenaxe ás vítimas da represión na Coruña.


Ana Pontón, a voceira nacional do BNG, participou esta segunda feira (18 de xullo) nun acto de homenaxe ás vítimas da represión franquista organizado na Coruña e cuxas intervencións políticas tiveron lugar detrás dunha morea de sacos de area que lembraban as trincheiras da resistencia antifascista. 

Temos a obriga de acabar coa lousa de silencio que impuxo Feijóo nestes 7 anos

Alí, fronte ao Teatro Rosalía, símbolo da defensa da legalidade republicana, Pontón defendeu a creación dunha Lei de memoria histórica galega que, dixo, o BNG incluirá no seu programa electoral de cara ás eleccións de outono ao Parlamento de Galiza. “Temos a obriga de acabar coa lousa de silencio que impuxo Feijóo nestes 7 anos poñéndose do lado dos que cometeron os crimes”, afirmou, a respeito da inacción do executivo galego na recuperación da memoria. 

Na Galiza foron asasinadas 4 mil persoas após o golpe de estado de 1936, mulleres e homes asasinados e represaliados polas forzas franquistas e para quen o Estado español decidiu "cubrir a verdade con silencio" nos últimos anos. Un feito "vergoñento", calificou. E é que o Reino de España contitúe, após Camboia, o territorio do mundo onde máis persoas se atopan soterradas en foxas comúns sen escavar. 

O Estado español é, após Camboia, o territorio do mundo con maior número de vítimas soterradas en foxas comúns 

Fronte a isto, Ana Pontón, defendeu unha lei que "garanta o acceso a todos os arquivos, axudas para as asociacións da memoria histórica, que apoie a investigación dos crimes do franquismo e a localización das foxas comúns”.

No acto tamén estiveron presentes a concelleira do BNG na Coruña, Avia Veira quen puxo en valor o traballo desenvolvido pola veciñanza coruñesa “para facer valer a liberdade e a democracia”. Pola súa banda, a historiadora Begoña Gómez Amigo fixo un relato dos feitos nos primeiros días do levantamento que, parafraseando a Celso Emilio, deu paso “a unha longa noite de pedra”. Aliás, a deputada provincial Ánxela Franco defendeu “o dereito a coñecer a nosa propia historia” a respeito dos crimes fascistas que tildou de "xenocidio".