O BNG abre o proceso para designar a candidatura á Presidencia da Xunta no 2020

O BNG abre o proceso para designar a candidatura á Presidencia da Xunta no 2020
Imaxe de arquivo do Consello Nacional do BNG.
Imaxe de arquivo do Consello Nacional do BNG.  Foto: BNG
As candidaturas deben contar cun aval de 200 militantes e serán presentadas entre o 26 de novembro e o 2 de decembro. Haberá votacións telemáticas para as militantes que non poidan asistir ás asembleas comarcais.

O BNG inicia este sábado, 16 novembro, coa reunión do Consello Nacional o proceso para designar á candidata ou candidato á Presidencia da Xunta da Galiza nas eleccións ao Parlamento galego, previstas para o ano 2020, segundo informa a formación política nun comunicado esta quinta feira. O proceso rematará coa publicación da candidatura máis votada o día 11 de xaneiro.

Antes, as militantes e os militantes do BNG poderán facer as súas propostas, que deben cumprir o requisito de contar cun aval de 200 militantes (cada militante pode avalar unha soa candidatura). As propostas deben presentarse entre o 26 de novembro e o 2 de decembro. Entre os días 4 a 13 de decembro as asembleas comarcais aprobarán as candidaturas. E no caso da  militancia do BNG na emigración poderá exercer o seu voto de maneira telemática entre os días 11 e 13 de decembro. Para a militancia que non poida participar directamente nas súas asembleas comarcais tamén se habilitará unha votación telemática entre os días 4 a 13 de decembro.

A proclamación do candidato ou candidata do BNG á Presidencia da Xunta nas eleccións do 2020 terá lugar nun acto nacional no mes de xaneiro.