ENSINO

O BNG acada apoio unánime no Parlamento para a transferencia de bolsas

O BNG acada apoio unánime no Parlamento para a transferencia de bolsas
Parlamento da Galiza
Parlamento da Galiza  

O Parlamento Galego acorda por unanimidade solicitar ao Estado a transferencia das competencias de bolsas de estudo. A deputada do BNG, Olalla Rodil, apresentou esta iniciativa coa que se procura que o goberno galego sexan quen xestione esta materia “que agora usurpa o Estado”, asegurou. A pretensión é aumentar o autogoberno galego e adaptar as axudas ao estudo á realidade do país e do alumnado galego.


O Parlamento Galego votará esta cuarta feira 10 de xullo unha iniciativa do BNG que xa acadou o visto bo de todos os grupos da cámara e pola que se solicitará ao Estado español a transferencia das competencias en materia de bolsas e axudas ao estudo.

Sería así a Xunta a encargada de xestionar unha competencia que agora “usurpa” o Estado, denunciou a deputada nacionalista Olalla Rodil, encargada de apresentar a iniciativa. O obxectivo non é outro que incrementar o autogoberno e usar esa nova competencia para adaptar as axudas á realidade do alumnado galego.

“Esta proposta defende e amplía o autogoberno do noso país, pois conta con competencia plena en materia de ensino mais o sistema de bolsas depende do Ministerio de Educación e arrastra enormes problemas de xestión”, explicou Rodil

“Esta proposta defende e amplía o autogoberno do noso país, pois conta con competencia plena en materia de ensino mais o sistema de bolsas depende do Ministerio de Educación e arrastra enormes problemas de xestión que están a prexudicar a alumnado, fundamentalmente universitario”, explicou Rodil na defensa da proposición non de  lei que será votada no pleno desta cuarta feira.

Segundo apresentou Rodil, a petición unánime desta transferencia inclúe que veña acompañada da dotación orzamentaria e do persoal correspondente, tendo en conta que no curso 2018/2019, case 27 mil estudantes solicitaron una bolsa para cursar os seus estudos universitarios, mais só foron beneficiarias 18.000 persoas cunha media de 2.000 €.

Precisamente a deputado remarcou que esta é unha contía que está lonxe de cubrir as necesidades económicas do alumnado, “especialmente daquelas persoas que se ven obrigadas a marchar da casa e, ademais, foi reducíndose nos últimos anos como consecuencia dos recortes aplicados desde 2013 polo goberno español nesta materia”, denunciou. Engadiu para ilustrar esta demanda, que en 2012 a axuda media situábase en 2.700 euros para o alumnado galego.

Para as e os deputados do BNG, esta transferencia permitirá corrixir as actuais deficiencias dunha xestión centralizada: insuficiencia nas axudas e retrasos no pagamento, “obrigando ás familias a asumir costes moi elevados” do que se benefician as entidades financeiras, “como o todopoderoso Banco Santander que fai negocio coa necesidade do alumnado a través das súas oficinas nos propios campus”, denunciou Rodil. A ese respecto, a deputada incidiu en que é “especialmente gravoso para as familias do rural, xa que con independencia do nivel de renda familiar, a aplicación dos actuacións criterios do Ministerio provocan unha denegación sistemática das axudas sen ter en conta que superar determinado patrimonio no rural non implica un alto nivel de renda. Madrid descoñece e non ten en conta a realidade social e económica galega”, indicou Rodil.