Todos os partidos valoran positivamente a alta participación

Todos os partidos valoran positivamente a alta participación
O coordinador electoral do BNG Rubén Cela, na primeira valoración deste 28 de abril. Foto: BNG.
O coordinador electoral do BNG Rubén Cela, na primeira valoración deste 28 de abril. Foto: BNG.  

O BNG e o PP foron as primeiras formacións en valorar, desde Galiza, a xornada do 28 de abril. Rubén Cela, coordinador electoral dos nacionalistas, considerou "moi positiva" a participación, sete puntos máis elevada que en 2016.


Ademais, afirmou que o Bloque “é unha forza política á alza, en plena recuperación, optimista de cara ao futuro”, malia asegurar que se enfrontaron á campaña “en condicións moi adversas”. O dirixente nacionalista amosou o agradecemento da organización a “militantes, simpatizantes e voluntarios”. Como é habitual, o BNG optou por non valorar ningunha enquisa. A dos medios públicos non lle dá representación nin ao Bloque nin a En Marea.

Desde En Marea tampouco entraron a discutir enquisas. Desde a dirección do partido, Xoán Hermida entendeu como "moi positiva" a participación e defendeu que a súa organización se sume á "ola de cambio" e as dereitas sexan "paradas" tamén en Galiza. Unha portavoz de En Común Unidas Podemos falou de "magnífica noticia" en referencia á elevada asistencia aos colexios electorais e asegurou que, "cos datos na man", será posíbel un "goberno de cambio". O PSdeG celebrou igualmente o "histórico nivel" de participación e preveu "perspectivas moi positivas" para o partido.

O PP galego realizou a súa análise en chave unicamente estatal. Miguel Tellado, o seu secretario xeral, falou de “dous desafíos”, “a desaceleración económica” e “a crise territorial”. E para solucionarios econcomendouse a “un Goberno sólido e estábel”. Tellado restou importancia ás sondaxes coñecidas unha vez fechados os colexios electorais. "Prefiro valorar os resultados definitivos", apuntou. "As enquisas, enquisas son", engadiu.

O secretario de organización de Ciudadanos, Laureano Bermejo, amosouse "moi contento" polos datos de participación, deu por seguros escanos na Coruña e Pontevedra e afirmou estar pelexando por obter representación en Lugo e Ourense.