BNG, AGE e PSdeG únense contra a reforma da lei do aborto

BNG, AGE e PSdeG únense contra a reforma da lei do aborto
Cabeceira da manifestación do 8 de Marzo
Cabeceira da manifestación do 8 de Marzo  

As tres forzas presentan conxuntamente unha Proposición non de lei a prol dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. A oposición rexeita a reforma da lei do aborto prevista por Gallardón da que din, procura "reestabelecer a Inquisición"


O Pleno parlamentar a celebrar a vindeira semana, debaterá máis unha vez a reforma da lei do aborto que prevé aprobar o goberno español. Desta volta, as tres formacións políticas da oposición rexistraron unha Proposición non de lei a prol dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. 

A iniciativa, emana directamente das demandas manifestadas polas organizacións feministas a través dunha xuntanza desenvolvida entre as tres forzas da oposición e a Plataforma galega polo dereito ao aborto.

A PNL ten por obxecto "que o Parlamento vote" e adopte un posicionamento a respeito da contrarreforma impulsada polo ministro Gallardón para o que proporán que a Cámara "inste ao Goberno galego a que se dirixa a Madrid para que paralice" o proxecto lexislativo. 

A oposición rexeita a contrarreforma da lei do aborto por supor "un atentado contra as mulleres" e estar promovida "pola á máis reaccionaria da dereita"

Os tres voceiros parlamentares aseguraron que a medida anunciada por Alberto Ruíz Gallardón é un "atentado contra a ciencia e contra as mulleres" en verbas de Xosé Manuel Beiras. Así, para Abel Losada, portavoz [email protected] socialistas, a reforma está "promovida pola á máis reaccionaria da dereita" da que dixo "cada vez que pode saca a patiña por baixo da porta", ironizou. 

Ao igual que o movemento feminista, desde BNG, AGE e PSdeG rexeitan que sexa "a moral católica" do ministro ou dun partido a que lexisle polo que exixen a paralización dunha reforma da que entenden "non existe ningunha necesidade". 

Porén, todo apunta a que o grupo maioritario na Cámara rexeitará a iniciativa ao igual que aconteceu coas presentadas até o momento polos grupos de maneira individualizada.