ANA MIRANDA, EURODEPUTADA DO BNG

"Moita xente non sabe se tivemos o escano cinco anos ou un"

"Moita xente non sabe se tivemos o escano cinco anos ou un"
[Imaxe: Parlamento Europeo] Ana Miranda
[Imaxe: Parlamento Europeo] Ana Miranda  

Vén de chegar de América e de visitar no cárcere de Lledoners os presos políticos cataláns. Voltou a Bruxelas e, entrementres, atendeu Sermos Galiza aínda coa resaca da aprobación da resolución contra o franquismo por parte do Parlamento Europeo. A eurodeputada do BNG, Ana Miranda (Cuntis, 1971), forma parte da Comisión de Peticións, da de Economía, da de Liberdades e da de Pesca, sempre co ollar posto no internacionalismo, no que acontece en América Latina, no avance do fascismo e da represión e en todo o que ten a ver cos pobos oprimidos. Eis un extracto da entrevista publicada no número 321 do semanario.


4Que supón para vostede a aprobación da resolución contra o franquismo da que foi autora no Parlamento Europeo?

Supón todo un traballo colectivo, de  moita xente, no sentido de que hai unha reivindicación social de moitas asociacións, de familiares, unha sensibilidade que quedou oculta e que non se deixa ver porque se reprime e se silencia. “El silencio de los otros” dise nunha recente película que sacou a asociación da querela arxentina, é dicir, que calen e non molesten para que pareza que esa etapa pasou. A resolución chega no contexto do franquismo pos-Franco, das cunetas que non se buscaron, dos corpos que non apareceron, de todo o que supuxo a represión… e nun contexto de avance de neofascismo en toda Europa.

Como xorde?

Xorde cando a eurodeputada Eleonora Forenza é atacada nunha manifestación antifascista en Bari (Italia). A partir de aí nace a resolución. O meu grupo fala comigo para que sexa autora, en tanto que son membro da Comisión de Liberdade, e poñémonos de acordo as tres deputadas dos tres grupos que a impulsamos: Eleonora Forenza, por GUE; SorayaPost, por S&D e eu polos Verdes-ALE. Acheguei a parte sobre o franquismo e fun a autora da redacción dos cinco parágrafos, aínda que outra xente asinase a última hora. Quixemos facela as tres xuntas para irmos con máis forzas. E por que as tres? Eleonora é unha muller absolutamente loitadora, Soraya, como filla de xitana e xudeu, foi sempre discriminada e eu, dada a loita antifascista que leva o BNG na pel. Foron 15 días de negociacións duras co EPP, co grupo liberal e cos demais grupos. Nesa negociación dixéronnos que non podiamos poñer casos concretos por Estado, era a maneira en que o PP e Ciudadanos podían evitar as referencias ao franquismo. A sorpresa foi que a resolución se aprobou con todas as emendas e cun 90% da Cámara presente. Cremos que, no fondo, non houbo mandato de voto nos partidos grandes e que cadaquén votou o que quixo. E, precisamente por iso, houbo xente que non foi votar para que non se lle vise o posicionamento, fose para ben ou para mal. En definitiva, sentín unha ilusión tremenda… Ese momento en que nos levantamos e ensinei os cartaces [“Fascismo Nunca Máis” e “Ilegalización Fundación Franco”] foi inevitábel, pediumo o corpo cando falou un eurodeputado que é neonazi, antifeminista e xenófobo.

Vén de visitar, xunto a Ana Pontón, os presos políticos cataláns encarcerados en Llenoders. É a segunda vez que os visita. Como foi o encontro?

Foi moi emotivo velos tan fortes. Pedíronnos que transmitamos que non teñen medo, que teñen a razón e que ven con claridade que fixeron o correcto, que non cometeron delito ningún e que van tirar para adiante porque saben que vai mellorar a vida dos cataláns e non só, senón tamén da cidadanía do conxunto do Estado porque se algo vai supoñer a ruptura co réxime do 78 é a cuestión catalá, o traballo que fixeron e fan as compañeiras e compañeiros cataláns. Transmitímoslles todo o apoio do BNG e falamos dúas horas. Oriol é un líder total. Regaleille un libro de Mandela, que recolle o seu último discurso, en francés, e leveille outro, co No Pasarán, e tamén un texto de Víctor Hugo. Xa lles agasallara o Sempre en Galiza na visita anterior. Eles están vendo que o círculo se está fechando, que a sentenza está xa escrita e que hai unha aposta para que sexan condenados, para os criminalizar. Cren que ese relato está escrito e están preparándose para o xuízo. Saben que vai ser un xuízo inxusto. Nunha visita ao cárcere, a eurodeputada sueca dicía que a prisión preventiva non dura o que dura no Estado español.

Por outra banda, as presas e presos quéixanse de que queiran humillalos e deshumanizalos, de facelos pasar por monstros. Dicía Oriol que a imaxe que dan deles é terríbel cando o único que fixeron foi cumprir un programa electoral. Nesta situación, propoñemos unha misión de observadores do Parlamento Europeo cando sexa o xuízo e que a Comisión de Liberdades se preocupe deles en tanto que foron eurodeputados e iso xa fala dos demais. Buscaremos todos os fíos legais para botarlles unha man.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 321 de Sermos Galiza, á venda nos quiosques e na loxa]



x