BNG e Anova rexeitan unha sentenza que enmarcan na “involución democrática” do Estado español

BNG e Anova rexeitan unha sentenza que enmarcan na “involución democrática” do Estado español
@Oinsua
@Oinsua  

A Executiva nacional do Bloque considera a resolución do Supremo “inxusta e desproporcionada” e Anova incide na “incapacidade” do Estado para dar unha solución democrática. En Marea considera que "non é democraticamente aceptábel".


BNG e Anova rexeitan a sentenza do Tribunal Supremo, que condena a 100 anos de prisión as líderes independentistas catalás por sedición e malversación. Para a Executiva Nacional do Bloque, é unha resolución “inxusta e desproporcionada”, que deriva de que as presas catalás non tiveron un “xuízo xusto nin imparcial”.

Os e as nacionalistas expresan o seu apoio as persoas condenadas e consideran que a sentenza é a “enésima demostración do proceso de profunda involución democrática que estamos a vivir” por parte do Estado e que se concreta non só na negación do dereito a decidir senón no proceso de “retroceso, recentralización e perda de dereitos”.

Manifesta o BNG que “sempre estará” a carón “da democracia e do dereito dos pobos a poder decidir libremente o seu futuro”, e remata afirmando que “hai equidistancias imposíbeis”, polo que “ningunha demócrata poder permanecer indiferente” ante esta sentenza.

Pola súa banda, Anova denuncia o que cualifica como “sentenza política” e que enmarca no “guión” da represión contra os movementos que defenden o dereito a decidir “e contra a xente do común”. Para a Irmandade Nacionalista, a resolución do TS enmárcase na liña marcada polo discurso de Filipe VI após o 1 de Outubro e pola aplicación do 155.

“A sentenza entra dentro dunha estratexia para estabelecer un marco de excepcionalidade xurídica que neste caso atravesa o independentismo catalá, pero que mañá se podería estender a outros movementos”, advirten desde Anova. Para esta organización, fica claro que hai una “incapacidade do status quo do Estado español” para “abrir portas ao diálogo”.

Para En Marea, a sentenza "non servirá para encontrar unha saída á situación catalana nin para avanzar nunha posíbel solución". Así mesmo, lamenta que "os problemas políticos de todo un pobo intenten saldarse con penas de cárcere que lonxe de promover o díalogo fará máis difícil calquer avance na imprescindíbel solución política". "Non é democraticamente aceptábel", incide, "que as ansias da sociedade catalá teñan como resposta condenas de entre 9 e 13 anos de prisión".