ALERTA DO CONTEXTO POLÍTICO DE “FRIVOLIDADE”

O BNG apela ao “rigor” da “única candidatura netamente galega” o 10-N

O BNG apela ao “rigor” da “única candidatura netamente galega” o 10-N
O dirixente do BNG Rubén Cela presenta o lema e o cartaz da organición para as eleccións do 10 de novembro. Foto: BNG.
O dirixente do BNG Rubén Cela presenta o lema e o cartaz da organición para as eleccións do 10 de novembro. Foto: BNG.  
O BNG elixiu este sábado, 12 de outubro, para presentar a súa campaña electoral para as eleccións estatais do 10 de novembro. Fíxoo o que será o xefe da mesma, Rubén Cela, quen apelou ao “rigor e seriedade” do Bloque, “a única candidatura netamente galega, sen ataduras nin dependencias”, nun contexto político “de tanta frivolidade”

Cela lembrou que nos comicios de abril a organización xa amosou que é capaz de “sumar apoios”. “Estamos á alza e reforzados”, expuxo, e confiou en que esta tendencia se intensificará na repetición electoral que sucede a varios meses de negociacións frustradas entre PSOE e Podemos para formar goberno.

cartaz BNG elecciónsMais en todo caso o BNG aposta a súa estratexia a que as electoras se decaten “do que significa a invisibilidade de Galiza e as consecuencias que ten. Se o Bloque está, Galiza está”. O lema electoral será “Facer valer Galiza. Con voz propia”. “Galiza ten que xogar na liga das nacións, mais hoxe o noso país ten menos peso político que Cantabria”, considerou, “a candidatura do BNG é candidatura de país. Galiza ten que existir politicamente”. Xustamente a semana pasada, o Bloque anunciaba un acordo con Compromiso por Galicia, que se integrará nas listas da frente de partidos.

As cabezas das circunscricións serán Néstor Rego pola Coruña, a concelleira Carme da Silva por Pontevedra, o ex alcalde de Allariz Francisco García por Ourense e a deputada no Parlamento galego Olalla Rodil por Lugo. As catro aparecen no cartaz xunto á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

“Facemos un chamamento a todas as persoas que nos votaron en abril para que apoien tamén agora o BNG”, sinalou Rubén Cela, “tamén a aquelas que nos votaron ao Senado para que o fagan ao Congreso”. Segundo as súas contas, cos votos que as candidatas do Bloque obtiveron na Cámara alta, “Galiza tería un deputado no Congreso”.

Na CRTVG
O xefe de campaña do BNG referiuse finalmente aos medios de comunicación. Avisou de que as accións do Bloque serán “a pé de rúa” e sen contar cos platós de televisión. Iso si, emprazou a CRTVG a realizar “un debate sobre as eleccións xerais entre os líderes políticos da Galiza”. “Instamos a Feixoo a que dea a cara, a que non se agoche e a que non impida este debate. Menos conexión Madrid”, dixo en referencia a un novo programa da TVG que leva ese título, “e máis conexión Galiza”.