O BNG apela ao seu voto para “dar voz a Galiza” e “quitarlle escanos” a Vox e Ciudadanos

O BNG apela ao seu voto para “dar voz a Galiza” e “quitarlle escanos” a Vox e Ciudadanos
[Imaxe: BNG] Carme Da Silva e Ana Pontón, acompañadas de militantes do BNG, atenden as explicacións da mariscadora
[Imaxe: BNG] Carme Da Silva e Ana Pontón, acompañadas de militantes do BNG, atenden as explicacións da mariscadora  

Na recta final do camiño que leva ao 28 de abril, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, salienta que “hai partido”, e apela a votar o Bloque “para dárlle voz a Galiza” e para “quitarlle escanos á dereita antigalega de Vox e Ciudadanos”.


Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, puxo de manifesto na mañá da segunda feira que o BNG “pode ser decisivo” tras o 28 de abril, na medida en que “Galiza pode decantar a política a do Estado collendo a papeleta dunha BNG que presenta un proxecto sólido, unido coa cabeza e co corazón neste país”.

Tirando de metáfora futbolística, a dirixente nacionalista puxo de manifesto que “hai partido”. “Galiza pode estar con voz propia en Madrid” e “hai que sumar no BNG os votos de todas as persoas que queren esa voz propia no Congreso e queren frear a dereita carca, machista e antigalega á que lle disputamos escanos pola Coruña e Pontevedra”, salientou.

Pontón chamou expresamente “as persoas que queren que Galiza conte pero que tamén están preocupadas por esa dereita extrema. Non teñen que renunciar a nada porque co voto ao BNG Galiza será decisiva no Estado e evitaremos que entre esa dereita antigalega e reaccionaria de Vox e Ciudadanos”.

Apoio ao marisqueo

A portavoz nacional do BNG realizou estas declaracións na ría de Arousa, onde acompañou mariscadoras para facer visíbel o seu traballo e “contribuír ao seu recoñecemento social”. Sinalou ao respecto que o Bloque quere presentar no Congreso “medidas para mellorar as súas condicións laborais e salariais, a rexeneración integral das rías e a transferencia da loita contra a contaminación mariña”.

Pontón, que cualificou a de Arousa como “a ría máis produtiva do mundo”, puxo de manifesto que se as rías galegas “estivesen completamente saneadas de norte a sur”, multiplicaría a súa capacidade de xerar emprego. “Estanse a perder moitos postos de traballo porque segue pendente a rexeneración integral das nosas rías”, afirmou.

Salarios e pensións dignas

“Salarios dignos, condicións laborais dignas e pensións dignas” serán, dixo Pontón, as nosas prioridades”. Prioridades en que insistiu a cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, quen resumiu as propostas do BNG para poñer “en valor todo o potencial e riqueza destas augas” e medidas que “permitan camiñar cara ao obxectivo de vertidos cero”.

Mellorar as condicións laborais das mariscadoras, con medidas como incrementar os redutores da idade de xubilación e o recoñecemento de enfermidades laborais para as doenzas máis comúns nestas traballadoras tras unha vida no mar” son outras das iniciativas que recolle o BNG no seu programa.